O BNG comprométese coas ANPAS a garantir un ensino público igualitario e de calidade


WhatsApp Image 2019-05-20 at 18.55.21

Encontro ANPAS

Apostamos por unha nova zonificación, equilibrando a poboación escolar de forma que non se produzan saturacións

O BNG da Estrada continúa a súa rolda de contactos sectoriais. Na tarde hoxe luns, Xosé Magariños, así como Xosé Nogueira, Suana Camba e María Blanco, mantiveron unha reunión coa federación de ANPAS do concello, á que lle presentaron as liñas mestras do programa do BNG relacionadas coa educación.

Para o BNG a educación é un dos piares básicos dunha sociedade. Das premisas do sistema educativo vai depender moito a capacidade da sociedade para loitar e ser garante da igualdade de oportunidades, da xustiza social e do avance no emprendemento económico.

O BNG da Estrada velará e cooperará para que a planificación e ordenación educativa deseñada e executada pola Xunta de Galiza, garanta a prestación deste servizo básico con bos parámetros de calidade en todo o territorio.

Como criterio xeral, o Concello da Estrada o BNG propón que só asumirá no ámbito educativo as funcións e os investimentos derivados do Pacto local, sendo competencia da Administración galega o mantemento do sistema e os servizos complementares.

Desde o goberno municipal colaboraremos poñendo a disposición da Consellería de Educación os terreos necesarios para a ampliación e/ou mellora dos centros educativos, colaborando tamén para que estean ben dotados e reúnan as condicións para ofertar un ensino de calidade e uns servizos complementarios satisfactorios.

Por outra parte, o BNG propón para as etapas educativas de ensino obrigatorio e segundo ciclo de educación infantil, unha rede de centros axeitada ás condicións xeográficas e demográficas do noso concello, con centros educativos situados o máis preto posíbel do ámbito de residencia do alumnado, evitando situacións de ratios saturadas nos colexios da vila e o perigo de peche nos do rural por falta de alumnado, e, que estean material e humanamente dotados para garantir un ensino público igualitario e de calidade.

Isto exixe neste momento unha nova zonificación, equilibrando a poboación escolar de forma que non se produzan saturacións, pouca racionalización das distancias e descensos de matrícula que leven á perda de unidades e orzamentos.

O BNG contribuirá desde o goberno da Estrada á extensión das axudas a transporte para a postobrigatoria e universitaria.

En canto ás actividades complementarias extraescolares, prestaremos o apoio do noso concello ao Goberno Galego no aproveitamento das instalacións dos centros de ensino para garantir en todos eles a oferta de actividades extraescolares gratuítas. Ademais desde o goberno o BNG promoverá programas municipais de educación dirixidos aos escolares, como no que respecta ao coñecemento do patrimonio natural, histórico, etnográfico ou artístico do noso territorio, convertendo o concello nun espazo educador.