Traballaremos para sacar da silveira o rico patrimonio cultural e paisaxístico do noso concello


 

A Estrada ten moito que ver, pero está oculto pola desidia do PP

A Estrada ten moito que ver, pero as políticas do PP téñena agochada, como ten metido nun caixón a mellor guía de turismo que se fixo no noso concello. E iso foi cousa do BNG no co-goberno de 2007 a 2011.

No BNG sabemos das potencialidades que ten A Estrada desde un punto de vista paisaxístico e cultural. Mentres o PP só coñece a política do cemento branco, o BNG pon todo o seu empeño en sacar de entre a silveira toda a nosa riqueza cultural e patrimonial. Desde os fermosos capiteis da igrexa de Tabeirós, ás columnas da igrexa de Ribeira; desde os hórreos en Enviande (Montillón) ao roteiro de Pina ou á ponte colgante de Couso; desde a Lagoa Sacra de Olives; desde os fermosos paraxes do Areal de Berres, á praia fluvial de Couso e Barcala; desde o Picho de Callobre ás fervenzas de Santo André de Vea e Chaín.

A Estrada ten moito que ver, e o BNG comprométese a poñelo en valor, a sacarlle lustre para acoller a un turismo de primeira, un turismo de calidade, que dea traballo no noso concello, onde hai o maior número de casas de turismo rural de toda Galiza.

A Rapa das Bestas tamén será o obxectivo central da nosa política cultural e patrimonial. Apoiaremos o tecido socio-cultural para declarar a Rapa como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade. Xa demos o primeiro paso presentando unha moción para instar ao goberno municipal a actuar, mais o PP non irá máis alá do voto favorábel á citada moción. Se non é polo BNG, esta iniciativa durmirá nun caixón como tantas outras, mentres o PP só irá a Sabucedo a sacarse a foto de rigor, vampirizando o traballo da asociación organizadora.

A Estrada ten moito que ver, e será labor prioritaria dun goberno liderado polo BNG, colaborar cos centros escolares, en colaboración coas equipas extra-escolares, sensibiliza á xente máis nova sobre o valor e conservación do contorno natural, os beneficios do río, as utilidades que tradicionalmente veu tendo e as ameazas que pesan sobre el e que podemos reivindicar da sociedade para solucionalas. A mellor maneira de conservar o noso patrimonio cultural e paisaxístico é ensinar e educar ás xeracións máis novas a coidar o noso.