Ana Miranda denunciará en Bruxelas os problemas medioambientais do concello da Estrada


EDAR Aguións 1

A falta de saneamentos no rural vulnera a Directiva Europea da Auga

Xosé Magariños: “Se gobernamos a partir do 26 de maio o BNG non se quedará de brazos cruzados como o PP, traballará para levar o saneamento as todas as parroquias”

A candidata do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, comprométese a levar a Bruxelas os problemas medio ambientais do concello da Estrada. A eurodeputada nacionalista participou hoxe na EDAR de Aguións nun acto simbólico co que os militantes e simpatizantes do BNG da localidade quixeron expresar o seu malestar polo pésimo funcionamento da depuradora, que en reiteradas ocasións ten botado todo tipo de desperdicios ao río Liñares e de aí ao Ulla.

A candidata do BNG ao Parlamento Europea estivo acompañada de Xosé Magariños, candidato á alcaldía, Susana Camba, número dous da candidatura, así como militantes e simpatizantes nacionalistas. Ana Miranda afirmou que “é un auténtico despropósito gastar miles de euros en obras faraónicas como a da Alameda, pagada con fondos europeos, mentres se verte sen control auga contaminada aos nosos ríos, un feito, que vulnera totalmente a Directiva Europea da Auga”. “Por outra parte”, engadiu a candidata do BNG, “sei polos compañeiros e compañeiras da localidade que non só é a EDAR a que funciona mal, tamén son os sumidoiros e por suposto a ausencia case total de saneamento no extenso rural da Estrada”.

“Dos saneamentos e da necesidade de que todos os concellos contaran con sistema de depuracións xa se falaba hai máis de 20 anos en Europa”, engadiu a candidata do BNG ao Parlamento Europeo, “que A Estrada estea nesta situación de total abandono só ten un culpábel: o PP, que é o partido que máis tempo gobernou este concello”.

“Pola miña parte”, anunciou Ana Miranda, “comprométome a levar a situación do saneamento da Estrada ás institucións europeas para que tomen nota, e tamén lle falarei do malgasto dos fondos da EDUSI, que presumen de ser verdes e sustentábeis e o PP gástaos en cemento”.

Pola súa parte o candidato do BNG á alcaldía, Xosé Magariños, explicou que “o BNG está decidido a pórlle data de caducidade á falta de saneamentos no rural”. Segundo explicou o candidato nacionalista, “en todos os actos públicos que fixemos polo rural preguntan por este servizo básico que debería estar prestando un concello como o da Estrada”. “Sabemos que non é sinxelo dada a extensión do noso concello”, engadiu, “mais o BNG non se vai quedar de brazos cruzados como fai o PP vendo como se contaminan regatos e ríos, vamos a atender as prioridades dos veciños e veciñas, vamos a facer que A Estrada entre no século XXI, vamos facer que A Estrada sexa un concello saneado”.