Susana Camba toma o relevo de Xosé Magariños á fronte do grupo municipal do BNG


IMG-20190608-WA0008

Após as eleccións municipais do 26 de maio, Xosé Magariños, logo dun período de reflexión e de acordo coa asemblea local do BNG, tomou a decisión de dar un paso a un lado para propiciar a renovación do grupo municipal.

Magariños, que foi concelleiro do BNG desde 2011 até 2019, dá o relevo no grupo municipal a Susana Camba Castro, veciña de Aguións de 45 anos, historiadora e traballadora do 112, forma parte do comité de empresa do 112 pola CIG. Susana Camba forma parte tamén da Executiva Nacional do BNG, así como do colectivo feminista Tabeirós-Deza.

IMG-20190608-WA0006A asemblea local, reunida na tarde-noite deste xoves, valorou moi positivamente o traballo desenvolvido por Xosé Magariños no grupo municipal ao longo dos últimos oito anos. Neste período Magariños trasladou as propostas do BNG para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas da Estrada; a pesar da maioría absoluta do PP algunhas propostas -contadas- foron aprobadas polo pleno, como a do parque canino, hoxe unha realidade; outras de maior calado foron rexeitadas polo PP, como a recuperación do matadoiro municipal ou a da compostaxe, entre outras moitas, o que demostra que os proxectos do PP e do BNG están nas antípodas.

As eleccións do 26 de maio debuxaron unha nova correlacións de forzas na corporación municipal e deixounos unha maioría absolutísima do PP. Con todo, o BNG seguirá a facer unha oposición firme e construtiva como a realizada ao longo dos últimos oito anos.