O BNG censura que o Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel fíxose de costas aos veciños e veciñas


Coñecemos pola presenta que o vindeiro venres 5 de xullo preséntase o Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS), elaborado pola consultora IDOM, que se enmarca no proxecto AESS2020.

Desde o BNG criticamos a falta de transparencia que unha vez máis caracteriza ao proxecto EDUSI, un proxecto elaborado integramente pola mesma consultora mencionada anteriormente, que elaborou, ademais, o controvertido proxecto da renovación da Alameda.

Temos que lembrar que esta consultora, que se presentou co proxecto EDUSI debaixo do brazo no despacho do alcalde, percibiu do concello 465.850 euros, en concepto de “servizo de apoio á coordinación, xestión, control, seguimento e monitoraxe das actividades de proxectos da estratexia de desenvolvemento urbano sostible e integrado, AESS2020” e “servizo de apoio técnico definición e desenvolvemento das actividades e proxectos da estratexia de desenvolvemento urbano sostible e integrado, AESS2020”. É dicir, que IDOM, non só deseñou o proxecto, senón que é quen corta o bacallau na EDUSI da Estrada, co beneplácito do PP e coa complicidade dos grandes partidos da oposición que aínda hoxe lle seguen o xogo a López e a IDOM coa súa permanencia na comisión estratéxica na que todo está decidido de antemán polo PP e a consultora.

Como dixemos ao principio, este novo documento que se presentará publicamente o venres 5 de xullo, está feito de costas aos veciños e veciñas da Estrada, como no seu día se fixo proxecto de renovación da Alameda, que non só non é funcional, senón cun custe desmesurado, e xa non digamos o mantemento, que a día de hoxe aínda descoñecemos.

Hai que ter en conta que este plan anunciado polo goberno municipal sentará as bases do que será vila da Estrada dos vindeiros anos, no que se definirán peanolizacións e humaninzacións de rúas, un tema controvertido, que, cando menos ten que contar coa participación do sector comercial, entidades sociais e partidos políticos. Unha vez máis o PP agóchase nos despachos para deseñar unha vila de costas aos veciños e veciñas.

Con todo, no BNG agardamos con interese e curiosidade este PMUS que presenta o goberno municipal do PP, un plan para o que, de momento, só hai 700.000 euros, unha cantidade ridícula para as moitas eivas que ten o noso concello en mobilidade, unha cantidade que contrasta cos máis de 3 millón gastados na Alameda.