O BNG critica a improvisación da Consellaría de Educación


Losada Diéguez

Susana Camba: “pedimos ao goberno municipal do PP que debe implicarse coa comunidade educativa para deseñar unha oferta educativa acorde ao mercado de traballo actual”

Susana Camba, concelleira do BNG da Estrada, que reuniuse no día de onte co profesorado de FP, para coñecer de primeira man o alcance da supresión do ciclo de FP básica de Servizos Administrativos.

A concelleira nacionalista explicou “que é inconcibíbel que o departamento de educación tome esta medida a estas alturas do curso a poucos días de rematar o prazo aberto para matricularse nos ciclos”. “Estes cambios de última hora”, critica a concelleira do BNG, “ten consecuencias para o alumnado, que xa estaba matriculado no ciclo de FP básica, mais tamén para o profesorado que terá que reformular as programacións, un proceso burocrático bastante complexo, para adaptalas aos novos ciclos impostos pola consellaría”.

“Desde o noso punto de vista”, indicou a concelleira do BNG, “a consellaría improvisa e actúa de xeito déspota e pouco transparente, pensan que na Estrada, como temos un alcalde submiso que non fai nada, somos uns simples súbditos e non nos queda outro remedio que obedecer”.

“Con todo”, engadiu a concelleira nacionalista, “pedimos ao goberno municipal do PP que debe implicarse coa comunidade educativa para deseñar unha oferta educativa acorde ao mercado de traballo actual, mais é evidente que isto non se pode facer no mes de xuño, hai que facelo con tempo para que os nosos mozos e mozas teñan unha oferta educativa que lles permita formarse e atopar un emprego no noso concello”.