Para o alcalde convocar o Consello Escolar Municipal “é unha perda de tempo”


Susana CambaA concelleira BNG, Susana Camba, instou ao alcalde a convocar este ogranismo para  abrir o debate sobre os ciclos formativos de FP que se imparten no noso concello

No pleno ordinario celebrado no día de hoxe, Susana Camba, concelleira do BNG, instou ao alcalde a convocar o Consello Escolar Municipal para abrir o debate sobre os ciclos de FP que se imparten no noso concello. “Sabemos”, indicou a concelleira, “que un concello non ten competencias en materia educativa, mais consideramos importante abrir o debate sobre que ciclos de FP se deben impartir na Estrada e trasladalo ás instancias que si deciden neste eido como é a consellaría de educación”.

“É importante coñecer a realidade socio-económica do concello”, afirmou Susana Camba, “e adecuar a oferta educativa a esta realidade, a educación non pode xerar frustración en quen remata a súa etapa educativa, senón que ten que abrir oportunidades para os veciños e veciñas máis novos”.

“No BNG pensamos que o concello non debe ser un ente pasivo en materia educativa”, afirmou a concelleira nacionalista, “e neste sentido coidamos axeitado que este tipo de temas se debatan no consello escolar municipal, que, consideramos, é o foro axeitado”. “No BNG non compartimos a estratexia do PP de agardar a que veña de fóra unha consultora para que nos deseñe A Estrada do futuro, como ocorre do tema da EDUSI”, afirmou Susana Camba, “A Estrada do futuro temos que pensala nós, os veciños e veciñas da Estrada”.

O alcalde da Estrada, José López, liquidou o debate coa concelleira nacionalista afirmando que “ese debate é unha perda de tempo”, e polo tanto non vai convocar o consello escolar municial.