Abonda xa de propaganda e de titulares, a fibra óptica ten que chegar a todos os veciños e veciñas da Estrada


fibra-optica

Susana Camba: “O rural da Estrada que xa sofre unha grave discriminación na prestación de servizos municipais como o saneamento e a recollida do lixo, hai veciños e veciñas do rural que sofren agora unha dobre discriminación a respecto doutros veciños veciñas que viven en determinados núcleos rurais e parroquias”

O BNG da Estrada vén de rexistrar, a través da concelleira nacionalista, Susana Camba, unha batería de preguntas para saber o alcance da implantación da fibra óptica no noso concello.

A concelleira do BNG explicou que “hai xa case dous anos que as operadoras de telefonía empezaron a implantación de fibra óptica no noso concello, mais a día de hoxe cónstanos que hai núcleos rurais que non a teñen”. “A única fibra que teñen ao seu alcance os veciños e veciñas do rural é a fibra vexetal, mais, a pesar das excelentes propiedades naturais que ten para o noso corpo, non sirve para conectarse ás grandes autoestradas da información e dos servizos que hoxe en día se fornecen a través da fibra óptica”, engadiu Susana Camba.

“Dentro da batería de preguntas que diriximos ao alcalde para a súa contestación por escrito”, explicou a concelleira nacionalista, “queremos saber cantas e que parroquias teñen conexión a internet de fibra óptica; que núcleos rurais non teñen; cal é a porcentaxe de implantación na vila e no polígono de Toedo; e por último queremos saber que prazo de execución baralla o goberno municipal para que a fibra óptica chegue a todo ao 100% do noso concello”.

Susana Camba indicou que “abonda xa de propaganda e de titulares, a fibra óptica ten que chegar a todos os veciños e veciñas da Estrada, independente de onde vivan”. “O rural da Estrada que xa sofre unha grave discriminación na prestación de servizos municipais como o saneamento e a recollida do lixo, hai que sumarlle agora a brecha dixital”, explicou a concelleira nacionalista, “ademais hai veciños e veciñas do rural que sofren agora unha dobre discriminación a respecto doutros veciños veciñas que viven en determinados núcleos rurais e parroquias; é dicir, que hai parroquias con fibra óptica, mais non chega a todos os núcleos, e iso non pode ser, todos pagamos impostos e todos temos dereito a ter os mesmos servizos”.

“Por outra parte”, engadiu Susana Camba, “tamén observamos que na implantación da fibra óptica tamén se deixa sentir a pegada caciquil dun goberno municipal do PP acostumado a traballar deste xeito, especialmente no rural”. “Así como se asfalta a golpe de caciqueo e de intereses partidistas, como xa temos denunciado en reiteradas ocasións, o PP aproveita a fibra óptica para caciquear, así se explica que haxa parroquias onde a fibra óptica non chega a todas os núcleos”.

A concelleira do BNG explicou que “o acceso á fibra óptica é clave hoxe en día, non só pola cantidade de servizos que se prestan hoxe a través da rede, senón porque para as empresas, para as/os autonomas/os, gandeiras e gandeiros é imprescindíbel para o desenvolvemento da súa actividade”. “Ademais”, engadiu, “non hai máis que ollar as ofertas das distintas operadoras para ver que hoxe é máis barato a fibra que calquera outra modalidade de acceso a internet, o cal é unha estafa consentida, xa que as operadoras prestan un peor servizo a prezos máis elevados”.