A apertura do Museo non pode ser cousa dun día, ten que ter unha estabilidade


Museo Reimóndez PortelaSusana Camba: “Xa indicamos no seo do padroado da Fundación Cultural que o Museo tiña que ter unha apertura estábel, e o único xeito de conseguir isto é creando postos de traballo estábeis”

Segundo apuntan os medios de comunicación local o concello da Estrada planifica a reapertura do Museo do Pobo Estradense, logo de que levase 10 anos pechado. A concelleira do BNG, Susana Camba indicou que “a noticia é boa sempre e cando se abra de verdade, cun horario e periodicidade permanente”. “De pouco sirve facerlle un lavado de cara ao Museo, que boa falta lle facía, feito cos cartos da Deputación, se logo vai permanecer pechado ou vai estar aberto un día si e outro non”.

A concelleira nacionalista explicou que “xa indicamos no seo do padroado da Fundación Cultural que o Museo tiña que ter unha apertura estábel, e o único xeito de conseguir isto é creando postos de traballo estábeis”. “Xa sabemos que iso son cartos”, afirmou, “evidentemente, mais é o único xeito de garantir unha periodicidade e unha estabilidade no Museo”.

Susana Camba indicou que “o PP non pode esgrimir como escusa o tema dos cartos, hai cartos para pagar as dedicacións exclusivas, entre elas a do alcalde, que subiu o salario até o límite que lle permite a lei, e hai cartos para a expropiación da Alameda, daquela tamén ten que haber cartos para crear un ou dous postos de traballo para o Museo”. “Se é cuestión de cartos, o goberno municipal só ten que baixarse en 10.000 euros cada unha das dedicacións exclusivas que aprobaron, e xa tería 50.000 euros para crear postos de traballo estábeis para o Museo”.