O BNG denuncia o mal estado de varias rúas e outras infraestruturas do casco urbano


A voceira municipal da formación nacionalista, Susana Camba, denuncia o mal estado no que se atopan algunhas rúas da vila, sacando así á palestra pública as deficiencias que temos que aturar no noso contorno urbano día tras día, sen que o goberno municipal pareza inmutarse con esta situación.

Así, rúas como a rúa 56, que une a rotonda de Losada Diéguez coa Praza da Farola, presentan un firme cheo de irregularidades que causa enorme incomodidade a quen ten que circular por ela. Hai que ter en conta que é unha das vías de entrada dende Compostela e moitos coches acceden por ela á nosa vila, polo que o seu mantemento debe ser prioritario.

O mesmo problema acontece coa Rúa 25 de Xullo, sobre todo no seu tramo final e o seu entronque coa avda. de Leicures. E o estado non só do firme, senón das beirarrúas na Rúa do Muíño é escandaloso. A voceira nacionalista declara que “nela, o abandono é tan evidente que semella incluso unha burla definila como parte dun entramado urbano. Non sei o que o goberno entende por urbanismo, pero dende logo non coincide co que o BNG considera que debe ser un casco urbán definido para a comodidade dos veciños e vecinas. O modelo do BNG é patente en concellos como Allariz, Carballo, San Sadurniño ou Pontevedra, por poñer uns poucos exemplos. Nada que ver co modelo que desgraciadamente sufrimos na Estrada. O goberno municipal debe estar tan cegado polo pavimento que rodea ao concello cando saen del, que xa non ven o estado das beirarrúas cando van por elas. Preferimos pensar que é un problema de vista, porque o contrario significa que entre as súas prioridades non están o estado das nosas infraestruturas”, declara Camba.

Pero non se trata só de rúas, o ornato tamén sofre as consecuencias da falta de mantemento. As árbores da Praza da Feira que secaron levan moitos meses agardando a seren sacadas do sitio ou a ser repostas por outras, preferiblemente. E tamén denuncia o contrasentido de que as farolas da iluminación pública permanezan acesas toda unha mañá, cando hai rúas nas que se apagan pola noite, como se puido ver hai poucos días. A organización nacionalista considera esta unha xestión moi pouco eficiente por parte de quen ten que xestionar os recursos que son de toda a veciñanza.

O BNG incide en que a estas alturas do ano, cando o número de visitantes ao noso concello aumenta significativamente, non parece o máis aconsellable deixar na súa retina unha imaxe de desleixo e infraestruturas deficitarias e antiestéticas.

Por todo isto, o BNG insta ao sr. López e o seu equipo a que goberne todos os días e non só en tempo electoral. Que faga o mantemento preciso para mellorar estas deficiencias e que conciencie de que a vila precisa melloras continuas que a fagan máis vivible e atractiva, tanto para as e os estradenses como para que queira visitar a vila da Estrada.