O BNG da Estrada insta ao alcalde á apertura do museo Reimóndez Portela


Museo Reimóndez PortelaO BNG da Estrada, a través da súa representante no Padroado da Fundación Cultural, Clara Iglesias Cortizo, insta a esta institución a que abra un proceso de contratación para o Museo Reimóndez Portela que garanta unha apertura estable.

Dende a organización nacionalista incidimos en que a apertura do museo é prioritaria para dar a coñecer a nosa cultura, tanto entre os e as estradenses como para tódalas persoas que nos visitan ao longo de todo o ano. Non podemos deixar que unha institución da importancia do museo quede sempre a mercé da dispoñibilidade de quen o poida abrir nun intre determinado. Xa está ben do desleixo con que o goberno do PP trata á cultura, pretendendo mantela a base de voluntarismo.

Lembramos ao sr López e a súa corporación, quen por certo, non eran precisamente asiduos visitantes do museo mentres estivo aberto, a importancia de dignificar o noso patrimonio, que é tamén a nosa herdanza e o noso legado. E lembrámoslles tamén que en contra do que pensan as dereitas, non todo ten prezo. Invitámolos a que se mergullen na grandeza da historia da nosa vila a través do Museo Reimóndez Portela e faciliten ese desfrute a todas aquelas persoas que nos queiran coñecer .