O PP ten que deixarse de parches, é tempo de actuar en serio para adquirir a Torre e o Pazo de Guimarei


 

torre e pazo de guimareiDende a formación nacionalista inciden, a través da súa portavoz municipal, Susana Camba, “en que o goberno municipal tivo durante anos nas súas mans a posibilidade de exercer o dereito de retracto, que permitiría a compra da Torre e a posibilidade de que toda a veciñanza do concello a puidese desfrutar sen restricións”. “Sen embargo”, engade Susana Camba, “deixaron pasar un tempo precioso, e hoxe en día ese dereito xa está caducado. Sendo así, tiraron pola borda unha oportunidade única de facer público un dos bens patrimoniais máis importantes do noso concello, cunha enorme potencialidade á hora de atraer visitantes e polo tanto de convertelo nun activo económico para o noso concello, que boa falta nos fai”.

A voceira nacionalista, Susana Camba, opina que “o goberno de López Campos ratifica, máis unha vez, a falta de interese que o patrimonio cultural lles provoca. Xa demostraron que están máis a gusto dilapidando cartos públicos en obras novas de cemento relucentes que na conservación da nosa historia, unha palabra que non semella que esperte moito interese neles”.

“Por outra parte”, engade a concelleira nacionalista, “cómpre lembrar que o BNG leva anos presentando emendas aos orzamentos da Xunta de Galiza para que esta adquira a Torre e o Pazo de Guimarei e o PP votou sempre en contra, o que demostra que o goberno de Feijóo tamén ten pouco interese no noso patrimonio, o cal pon en dúbida o interese da Xunta á hora de instar ao propietario deste inmoble para que o poña en condicións de ser visitado”.

“Por iso”, explica Susana Camba, “é tempo de actuar en serio para adquirir a Torre e o Pazo de Guimarei, e deixarse de parches e declaracións para a galería que non conducen a ningún lado”.

Dende o BNG queremos lembrar ao goberno do PP a importancia de conservar o noso patrimonio, no só como parte da nosa memoria colectiva, senón tamén como un activo que pode insuflar vida á nosa economía máis ben precaria.

“Aprendamos doutros lugares onde coidan o seu contorno e os seus monumentos”, afirma Susana Camba”, “temos un patrimonio moi rico e diverso que podería ser referencial. Poñámolo en valor antes que desapareza, porque logo xa non poderemos facer nada máis que lamentarnos “.