O BNG urxe unha solución xa para a Variante


Susana CambaSusana Camba, voceira do BNG da Estrada, en resposta ás informacións que saíron do Ministerio de Fomento no sentido de que procede un estudo máis profundo do impacto patrimonial e medioambental da futura circunvalación da N-640 ao seu paso polo Preguecido, manifesta un total desacordo coas dinámicas seguidas polos diferentes gobernos que, dende Madrid, tiveron nas súas mans a posibilidade de levar a cabo esta obra: “Lamentablemente pasaron trinta anos e o único que fixeron foi dilatala no tempo, despois de promesa tras promesa incumpridas.”

Por outra banda, dende a formación nacionalista denuncian que, visto o visto, existe unha total falta de vontade política en acometer esta infraestrutura tan precisa, aínda máis hoxe en día, polo volume de tráfico que soporta A Estrada nesta vía, agravado polo perigo que supón, tanto para os vehículos que circulan por ela, como para as persoas que teñen a necesidade de cruzala. E inciden en que esta falta de vontade a tiveron tanto o PP coma o PSOE; e nin tan sequera as Mareas tiveron o interese de pelexar porque esta obra se levara a cabo. Semella que unha vez pasado o Padornelo esqueceron o país que deixaron atrás.

Polo tanto, dende o BNG instamos ao sr López Campos a que cumpra coas obrigas que adquiríu co pobo estradense e lidere a reivindicación desta infraestrutura tan precisa para o noso concello e convoque a tódolos colectivos económico-sociais para planificar conxuntamente as medidas de presión necesarias para poñer fin a esta nova tomadura de pelo.

Dende o BNG, como forza política comprometida co noso país, sen ningún tipo de dependencia con intereses alleos aos que non son os colectivos, querémoslle deixar moi claro ao sr López e ao seu goberno, que nós non imos calar nin comungar con rodas de muíños e convocaremos as mobilizacións que fagan falta para que tanto a Xunta de Galiza do sr Núñez Feijóo, como administración reivindicante, e dende logo ao Ministerio de Fomento como executora se tomen en serio dunha vez este asunto, que mantén á vila na prehistoria das infraestruturas .