Susana Camba acusa ao goberno de PP de ser inconscientes por non ter activadas as brigadas contra incendios


incencio-couso

“Semella que o goberno de López actúa coa calculadora na man, adiando a sinatura do convenio coa Xunta para aforrar uns cartiños”, afirma a concelleira do BNG

Logo de que os medios de comunicación local anunciaran que o concello da Estrada aínda non ten activadas as brigadas locais contra incendios, a concelleira do BNG, Susana Camba, explicou que “o goberno de López é un auténtico inconsciente polo desleixo que amosan nun tema tan importante como é a loita contra os incendios forestais, que cada ano arrasa centos de hectáreas no noso concello”.

“É certo”, indicou a concelleira nacionalista, “que levamos uns anos cun inicio de verán pouco propicio para os incendios forestais, concentrándose o risco en setembro e en outubro, xa metidos no outono”. “Sen embargo”, engade Susana Camba, “os incendios forestais apáganse no inverno con prevención, limpando por exemplo as marxes dos viais municipais para cumprir a lei de prevención aprobada polo PP no Parlamento Galego”.

A concelleira do BNG explicou que “vendo como actúa o goberno municipal do PP, semella que actúa coa calculadora na man, adiando a sinatura do convenio coa Xunta para aforrar uns cartiños, aforro que non é tal, porque as perda medioambiental é incalculábel”.

Susana Camba instou ao goberno de López “a ser máis dilixente na xestión municipal, especialmente no que atinxen á prevención e extinción de incendios; estamos vendo o que está ocorrendo noutras latitudes e nunha situación meteorolóxica tan cambiante non se pode xogar co lume”.