Aos veciños e veciñas da Estrada non lle sobran os cartos


lixo a estrada

Susana Camba denuncia que “A Estrada quedou fóra da bonificación de SOGAMA no recibo do lixo, porque o goberno municipal do PP non ten programas para reducir e reciclar residuos, non te políticas medio ambientais, o seu é o cemento”

“Aos veciños e veciñas da Estrada non lle sobran os cartos”, así de contundente se amosou a concelleira do BNG, Susana Camba, logo de coñecerse que A Estrada quedará fóra das bonificacións de SOGAMA que rebaixará un 10% o recibo da recollida do lixo.

A concelleira nacionalista acusou ao alcalde de “actuar como se fora un novo rico logo de recibir a morea de millóns do EDUSI, que, iso si, gasta en cemento e luces de neón, que quedará moi bonito, pero que en pouco ou en anda beneficia o día a día dos veciños e veciñas da Estrada”.

Segundo explicou a concelleira do BNG, “o noso concello quedou fóra desta bonificación de SOGAMA, porque non ten programas para reducir e reciclar residuos, non te política medio ambientais, o seu é o cemento.” “O BNG instou ao alcalde no pasado mandato a que se acollera ao plan Revitaliza de compostaxe da Deputación”, engadiu Susana, “mais no PP votaron en contra e agora son os veciños e veciñas os que pagan caro esta decisión política”.

A concelleira do BNG, Susana Camba, “insta ao goberno municipal a acollerse ao plan Revitaliza ou a poñer en marcha un plan propio co fin de reducir os residuos sólidos, que, como se pode comprobar, redunda nun mellor servizo para todos e todas ao tempo que reduce o recibo da recollida do lixo”.

Máis contedores de plástico e papel

Por outra parte, o BNG estradense, logo de recibir varias queixas por parte de veciños e veciñas do noso concello, insta ao goberno local para que aumente o número de contedores de reciclaxe no rural da Estrada, e máis en concreto, de plástico e papel. “Non é de recibo que por unha banda se conciencie á poboación sobre a importancia da reciclaxe como unha parte da conservación medioambental, e instemos a toda a veciñanza para que recicle, e por outra non se lle dote do material axeitado para facelo. É unha dobre vara de medir á que por desgracia o PP xa nos ten acostumados. Moitos núcleos do rural carecen de contedores para depositar o plástico. Ao PP gústanlle moito os titulares grandilocuentes, mais logo esquece acompañalos de actos”, declara Susana Camba, voceira da formación nacionalista.

Por iso, dende o BNG da Estrada lembran a enorme contaminación que supón, en concreto o exceso de plásticos no noso contorno e que estamos vivindo un momento de inflexión na conservación da nosa terra. As administracións públicas deben dar exemplo e mostrar a importancia que teñen os pequenos xestos, como pode ser a reciclaxe. Non facilitar o número suficiente de contedores a tal efecto só demostra a falta de concienciación por parte do goberno do sr López. “O alcalde da Estrada e a súa corporación, como bos liberais, esquecen que a separación do lixo é unha cuestión de respecto á natureza. Falando no seu idioma, é de un valor incalculable. Animámolos a que non o vexan só como unha fonte de beneficio das empresas concesionarias, nin eses contedores como un gasto prescindible, senón como un investimento no noso futuro como sociedade”, remata Camba.