López ten que colocar a pérgola na Alameda e deixarse de tanto anuncio


Pérgola da Alameda da Estrada

Susana Camba: “ O que está claro é que a día de hoxe a pérgola dorme nos terreos da Fundación de Exposicións, a nova Alameda non ten sombra e tamén está claro que López improvisa e solta ocorrencias segundo lle vaian pasando pola cabeza”

“En maio de 2018 López dixo que a pérgola da antiga Alameda reubicaríase noutro espazo”, indicou Susana Camba, concelleira do BNG. “Apenas trinta días despois, e logo da presión do BNG, o alcalde anunciou que buscarían encaixe na nova Alameda a este elemento característico”, engadiu.

“En maio pasado López anunciou a incorporación a pérgola na Alameda e onte mesmo outra vez. O que está claro é que a día de hoxe a pérgola dorme nos terreos da Fundación de Exposicións, a nova Alameda non ten sombra e tamén está claro que López improvisa e solta ocorrencias segundo lle vaian pasando pola cabeza”, afirmou a concelleira nacionalista.

A voceira do BNG insta ao alcalde a “deixar de xogar co patrimonio de todos e todas, un patrimonio emblemático e identificativo da praza e da Estrada”. “Con todas estas declaracións do alcalde,” indicou, “algunha delas contraditorias, é máis probábel que a pérgola acabe enterrada pola vexetación nos terreos da Fundación que na nova Alameda, como ocorren con outros elementos patrimoniais do noso concello”.

A Concelleira nacionalista esíxelle ao alcalde que “cumpra cos compromisos contraídos cos veciños e veciñas da Estrada e incorpore xa a pérgola na Alameda”.