A ponte de Liñares cae a cachos ante a pasividade do goberno municipal


A concelleira do BNG, Susana Camba, alertou hoxe do “grave deterioro da ponte de Liñares, un elemento patrimonial do noso concello, que cae a cachos ante a pasividade do goberno municipal do PP”.

Susana Camba explica que “non é a primeira vez que alertamos da pésima situación da ponte, mais hoxe en día son xa moi evidentes os derrubes, que ameazan con tirala abaixo”.

A concelleira nacionalista insta ao “goberno de López que faga algo para evitar o derrube total da ponte, aínda está a tempo de facer os traballos de consolidación que correspondan para evitar que o deterioro vaia a máis e para evitar non lamentarnos posteriormente”.

Por outra parte, a concelleira do BNG explica que “esta situación da ponte do Liñares, así como da Torre de Guimarei, evidencia que temos un goberno do PP que pasa do patrimonio, que non ten a máis mínima sensibilidade cara os nosos elementos patrimoniais que nos definen e construíron como pobo”. “Uns elementos”, engade, “que postos en valor serían un investimento, non un gasto, para o concello, que redundaría na mellora da situación económica do concello”.