O vial Portela-Souto de Vea non pode ser a alternativa á AP-9 para evitar as abusivas peaxes


Santo André de Vea 7

Ramiráns (Santo André de Vea) – EP-8401

 

Susana Camba: “O incremento inusual de tráfico na estrada EP-8401 está directamente relacionado co constante incremento das peaxes e pedimos a eliminación destas e a transferencia da AP-9 a Galiza”

“A estrada EP-8401 entre Portela e Souto de Vea, dependente da Deputación de Pontevedra, soporta nos últimos anos unha inusual intensidade de tráfico, en especial de vehículos pesados, que utilizan este vial como vía de escape alternativa para evitar as abusivas peaxes da AP-9”, explicou a concelleira do BNG, Susana Camba.

“Esta circulación de vehículos pesados é totalmente inusual para unha vía destas características”, engade Susana Camba, “pois estamos a falar dun vial estreito, sen beiravías, sen carrís lentos, con curvas perigosas e que atravesa as parroquias de Santo André de Vea, San Xiao de Vea e San Xurxo de Vea cun número importante de veciños e veciñas. Iso sen esquecer que atravesan o poboacións semi-urbanas como o Souto de Vea, e logo de abandonar este vial circulan pola PO-841 en dirección Santiago de Compostela, pasando por Couso e Pontevea, un lugar este último densamente poboado atravesado por un vial estreito, non acaido para intensa circulación que soporta.”

Para o BNG “este tránsito continuo de vehículos pesados está a causar graves problemas de seguranza vial nunha estrada que non ten as condicións mínimas para acoller un tráfico destas características. Este feito xa provocou nos últimos meses dous accidentes nos que se viron implicados senllos camións que cortaron durante horas a circulación vial nesta estrada, até a súa retirada polos servizos de emerxencia.”

“Como xa dixemos”, explicou a concelleira nacionalista, “este incremento inusual de tráfico pesado na EP-8401 relacionámolo directamente coas abusivas peaxes de AUDASA na AP-9, que poñen a Galiza á cabeza das peaxes máis caras do Estado español e de Europa, feito que supón unha pesada lousa para economía da Galiza, mais tamén para miles de traballadores e traballadoras que circulan a diario pola AP-9, cuxa única alternativa é utilizar viais com oa EP-8401 entre Portela e Souto de Vea, que non están preparados para acoller tráfico de vehículos pesados”.

“Esta situación de inseguranza vial que soportan os veciños e veciñas das parroquias de Santo André de Vea, San Xiao de Vea e San Xurxo de Vea, especialmente no núcleo do Souto de Vea, así como Couso e Pontevea”, explicou Susana Camba, “levounos a rexistrar unha moción para o seu debate en pleno que busca acabar con esta inusual situación”.

“Con esta moción”, engade a concelleira nacionalista, “queremos dar un toque de atencións ás administracións públicas para que sexan conscientes do grave problema que crea nos viais secundarios o constante incremento das peaxes da AP-9. Neste sentido pedimos que o pleno da Estrada inste ao goberno do Estado a eliminar as peaxes da AP-9”. “Non pedimos nada extraordinario”, afirma a concelleira do BNG, “só o mesmo trato que o goberno central dispensou ás comunidades polas que transita a AP-1 entre Burgos e Armiñón, ou a AP-7 entre Tarragona e Alicante ou a AP-4 entre Sevilla e Cadiz que son ou serán gratuítas a partir de 2020”. “A AP-9 está sobradamente amortizada e actualmente só serve para que a concesionaria encha o peto, saqueando o dos galegos e galegas”, afirmou Susana Camba.

Na moción o BNG tamén pide a transferencia a Galiza da AP-9 e insta á Deputación de Pontevedra mellorar o trazado da EP-8401.