A Xunta deixa o centro de saúde do Souto de Vea sen persoal de enfermaría


Centro de saúde do Souto de Vea

Susana Camba: “na Estrada sabemos moi ben que consecuencias ten a falta de persoal facultativo nos centros de saúde”

Desde o BNG vimos de ser informados por veciños e veciñas afectados, de que a comezo desta semana no servizo de extraccións do Centro de saúde de Vea, atopáronse con que non había persoal de enfermería para levar a cabo este labor sanitario.

Todo quedaría nunha simple continxencia que sempre pode ocorrer cando, por exemplo, se produce unha indisposición imprevista da persoa adscrita ao servizo.

Pero, aclara Susana Camba voceira nacionalista, “isto xa non é permisible cando temos constancia de que a ausencia desta enfermeira xa era coñecida polo SERGAS con antelación suficiente para tela cuberta”.

“Este desleixo á hora de cubrir unha vacante non é casualidade, non é unha excepción, é a norma do goberno da Xunta xestionado polo PP”, apunta a concelleira do BNG, “na Estrada sabemos moi ben que consecuencias ten a falta de persoal facultativo nos centros de saúde, unha cuestión moi grave, tendo en conta que desde a administración galega podía dárselle solución para evitar males maiores”.

“Por outra parte”, engade Susana Camba, “queremos tamén facer fincapé nun asunto non menor como é a precariedade na que vive o persoal médico en xeral”. “Este centro leva moitos anos en funcionamento”, explica a concelleira do BNG, “non se entende que a estas alturas non teña persoal fixo e que o SERGAS o cubra con contratos por horas, días, semanas… e o que é peor, que non teña constancia de cando o persoal eventualmente contratado remata o seu contrato”. “A precariedade laboral do persoal facultativo”, engade, “é unha mostra máis da desfeita que sofre a nosa sanidade pública”.

O BNG, desde as súas responsabilidades, insta ao goberno municipal de López a que, tamén desde as que contraeu coa veciñanza da Estrada, “esixa á Administración galega, neste caso o SERGAS, para que evite no sucesivo neglixencias como a descrita, en xustiza cos dereitos dos veciños e veciñas, que para iso pagan impostos.”