O BNG leva ao Congreso os problemas de seguranza vial da N-640 ao seu paso pola Estrada e a Variante


2020021014430868325A concelleira do BNG, Susana Camba, así como militantes da organización nacionalista acompañaron na mañá de hoxe ao deputado no Congreso, Néstor Rego, nunha visita pola N-640 ao seu paso polo vila. Segundo explicou a concelleira nacionalistas, “xa hai tempo que denunciamos os problemas de seguranza vial que temos na vila, en concreto na N-640, que rexistrou no último ano varios atropelos, un deles mortal, e a pesar de instar ao goberno municipal a tomar medidas, nada se fixo desde o goberno de López”. “Polo tanto,” engadiu Susana Camba, desde o BNG tomamos a iniciativa e levaremos ao Congreso estes problemas para que o ministerio de fomento tome medidas para arranxar o grave problema de seguranza vial que ten a N-640 ao seu paso pola vila da Estrada”.

“Cabe recordar”, indicou a concelleira nacionalista, “que o tramo urbano da N-640 ten unha lonxitude de case tres quilómetros onde hai 17 pasos de peóns e 9 dispositivos semafóricos a ambos lados do vial”. “Esta é a realidade da N-640 ao seu paso pola Estrada”, afirmou Susana Camba, “e a realidade tamén é que hai accidentes neste treito e que a Fomento corresponde tomar medidas que ninguén vexa perigar a súa integridade física por cruzar un paso de peóns”.

Por outra parte a organización nacionalista tamén explicou ao deputado do BNG, Néstor Rego, “a importancia da Variante para o futuro do noso concello; esta a infraestrutura que circunvalaría a vila da Estrada, que serviría para reducir a intensidade do tráfico polo centro da Estrada e polo tanto o risco de accidentes, ao tempo permitiría axilizar as comunicacións por estrada”.

A concelleira nacionalista explicou que “a burocracia ten uns ritmos, mais hai que darlle un impulso importante a esta infraestrutura para que sexa unha realidade a finais desta lexislatura”. “Non pode haber máis retrasos nin máis anuncios baleiros como os feitos polo alcalde en 2015”, engadiu Susana Camba, “é hora de compromisos claros, e desde o BNG queremos aproveitar o voto decisivo do BNG no Congreso para darlle á Variante o impulso definitivo que merece o noso concello”.