O BNG urxe ao alcalde convocar o Consello Económico e Social para afrontar a crise económica


Susana Camba: “Cremos que o Consello Económico e Social ten que servir para algo máis que xuntarse unha vez ao ano para determinar os festivos locais”

A concelleira do BNG, Susana Camba, insta ao alcalde da Estrada a convocar o Consello Económico e Social. “Desde o BNG cremos que este foro é o máis acaido para, entre todos e todas, ver que medidas se poden tomar para paliar a crise económica que xa está aquí, entre nós”, afirma a concelleira nacionalista.

“Neste foro están representados todos os partidos políticos, así como entidades sectoriais que máis están sufrindo a crise, tanto empresariais como sindicais, en representación dos traballadores e traballadoras”, explicou Susana Camba. “Cremos que o Consello Económico e Social ten que servir para algo máis que xuntarse unha vez ao ano para determinar os festivos locais”, engadiu a concelleira do BNG, “ten que servir para presentar propostas de actuación e consensuar unha resposta conxunta á crise económica”.

“Desde o BNG entendemos que o concello debe ser actor protagonista na saída á crise económica”, afirmou, “o goberno municipal, co alcalde á cabeza, ten que deixar de ser espectador como fai sempre, para liderar a reposta política que os veciños e veciñas demandan”. “Non se entendería que o goberno do PP se manteña de brazos cruzados mentres os comercios manteñen a porta pechada”, afirmou a concelleira nacionalista, “ten que actuar e facelo xa”.

A concelleira do BNG, Susana Camba, tamén quixo manifestar que “o BNG aposta pola colaboración sincera para superar esta pandemia e as súas consecuencias”. “Agardamos do goberno municipal a mesma actitude” engadiu, “se nos chamamos a unha porta e esta non se abre, dificilmente superaremos esta crise”.