Susana Camba insta ao alcalde a presentar xa os orzamentos de 2020


“Hai empresas en crise, comercios que non saben se poderán abrir, hai traballadores e traballadoras na casa no paro ou no mellor dos casos con ERTE, e necesitan ver que o goberno municipal está actuando”, afirma a concelleira nacionalista

“Van alá catro meses de 2020 e A Estrada segue sen orzamentos”, explicou Susana Camba, concelleira do BNG, que considera “inexplicábel esta lentitude á hora de aprobar as contas” por parte do grupo de goberno.

“Estamos metidos de cheo na peor crise económica de todos os tempos”, afirma a concelleira, “e é imprescindíbel que o noso concello teña claras as contas para facer investimentos e gasto social”. “O PP da Estrada ten unha hiper-maioría absoluta e non ten escusa para non termos as contas enriba da mesa”, afirma, “a estas alturas xa tiñan que estar aprobadas”.

A concelleira nacionalista explicou que “vai facer un ano que López renovou o mandato, mais parece que segue cos mesmos vicios dos mandatos anteriores, é dicir, facer o mínimo, mais neste 2020 hai unha diferenza moi grande, desta volta os veciños e veciñas van estar atentos e atentas ás iniciativas do goberno municipal”. “Xa non abonda estar de brazos cruzados vendo a vida pasar”, afirma, “hai empresas en crise, comercios que non saben se poderán abrir, hai traballadores e traballadoras na casa no paro ou no mellor dos casos con ERTE e necesitan certezas, necesitan ver que o goberno municipal está actuando para saírmos desta”.

Susana Camba insta ao alcalde a “traer xa as contas deste 2020, o grupo de goberno ten un soldo moi xeneroso que pagamos entre todos e todas e o mínimo e facer o seu traballo, é o que agardan os veciños e veciñas”.