Luís Bará recolle as demandas do sector do comercio local


Luís BaráO deputado nacionalista, así como a concelleira Susana Camba, e os membros do consello local, Xosé Magariños e Víctor Pousada, mantiveron un vídeo-encontro coa directiva de ACOE

O BNG propón unha axuda directa de 2.000 euros por parte do goberno galego ás persoas autónomas e pequeno comercio

Defendeu a necesidade dunha nova Lei Galega do Comercio para favorecer a actividade fronte ás grandes superficies, á liberalización de horarios, ás aperturas en festivos e ás rebaixas

O parlamentario do BNG Luís Bará reuníuse hoxe coa directiva da Asociación de comerciantes de A Estrada para recoller as súas demandas e amosar a total disposición do Bloque a colaborar nunha saída da crise que dinamice o pequeno comercio e o traballo das persoas autónomas. Como medidas principais, Bará puxo sobre a mesa a aposta por unha axuda directa de 2.000 euros por parte do goberno galego, así como a aprobación dunha nova Lei Galega do Comercio que permita defender ao comercio de proximidade fronte ás grandes superficies e regule a liberalización de horarios, aperturas en festivos e o período de rebaixas, entre outras cuestións.

No encontro estiveron presentes a concelleira Susana Camba, Xosé Magariños e Víctor Pousada pola parte nacionalista ademais de Bará, así como o presidente da asociación Alfredo González, Jorge Fuentes e Carlos Sinde. Estes últimos plantexaron as súas problemáticas concretas no día a día: ausencia de axudas, falta de coordinación, dificultades para aplicar o comercio online –que non consideran a panacea- e o necesario apoio conxunto das forzas políticas para saír da crise e paliar as perdas.

Bará salientou a actitude responsable do BNG e a altura de miras fronte á confrontación política. Subliñou que o Bloque plantexou ao goberno galego medidas que suporían unha axuda tanto a curto como a medio prazo. Unha delas é unha responsa urxente e inmediata da Xunta con axudas directas de 2.000 euros nun pago único para compensar o período de inactividade –compatibles coas do Estado-, así como tamén campañas de fidelización do comercio de proximidade e de promoción do produto local, o potenciamento e recuperación de espazos urbanos que faciliten a mobilidade peonil e dar vitalidade ao comercio local. Neste sentido, o nacionalista puxo o exemplo de Pontevedra, unha cidade na que o espazo público está recuperado hai anos para a cidadanía e no que se está facendo máis fácil o potenciamento do comercio de proximidade e a relación entre as persoas. “Quen camiña pola rúa é quen entra no comercio. Se as rúas son axeitadas para as persoas, hai unha roda que funciona: o paseo pode traducirse nunha compra ou parar nunha terraza, en xerar actividade económica”, destacou.

Tamén incidiu Bará na necesidade dunha regulación propia (unha Lei Galega do Comercio) que restrinxa as posibilidades das grandes superficies, que acoute a liberalización horaria e as aperturas dos festivos (fronte á petición de apertura de todos os domingos e festivos para o vindeiro ano por ser Ano Santo), así como unha regulación das rebaixas.

Bará recolleu tamén as queixas dos comerciantes, que critican que toda a saída á crise motivada pola situación sanitaria se centre por parte da Xunta no comercio dixital. Recoñeceu que a posta en marcha de plataformas supón un elevado custe así como tempo para poñelas en activo con garantías, ademais de evidenciar a mala conectividade das zonas rurais, o que xera máis desigualdade contra os grandes competidores.

Pola súa banda, os comerciantes sinalaron que se ben na última semana houbo certos brotes verdes no comercio, a situación está caíndo drasticamente e empeorará despois do verán, polo que acolleron positivamente as propostas do BNG. “Estamos afogadísimos, coa lingua fóra… E a solución non son os ICOS, xa que dous meses de inactividade supoñen débedas de seis anos. Hai falta de liquidez e unha situación dramática”, insistiu.