O BNG insta á Xunta e ao concello a mellorar a estrada que une Baloira con Pontecesures


Alto do Chedón

O BNG da Estrada colocou cartaces ao longo da estrada PO-214, que une Baloira con Pontecesures, para reivindicar a mellora do trazado, así como da capa de rodadura.

A concelleira do BNG, Susana Camba, explicou que “esta estrada da Xunta, que é a única via que une o noso concello con Pontecesures e Padrón, que é tamén única vía de acceso coa autovía da Barbanza, non só ten un trazado sinuoso, senón que ten un apreciábel deterioro da capa de rodadura, que en algún tramo é intransitábel”.

“Os veciños e veciñas que utilizan este estrada están fartos deste desleixo por parte da administración autonómica e por parte do concello que non esixe a mellora desta estrada”, afirma a concelleira nacionalista. “O alcalde non levanta a voz por esta estrada, porque a xestiona o PP, se chega a estar xestionada por outra organización faltaríalle tempo para colocarse detrás da pancarta”, engade a concelleira do BNG.

“Por outra parte, por se foran poucos os problemas desta estrada, esta ten aínda por riba un grave problema cos enormes eucaliptos que hai ao longo do seu trazado, xa que cando hai temporal ou refachos fortes de vento, a estrada énchese de pólas, algunhas de gran calibre, que fan intransitábel esta vía”, explica a concelleira do BNG.

“Xa hai algúns anos que a Xunta do PP anunciou que ía cortalos”, engadiu Susana Camba, “mais foi un anuncio, xa que os enormes eucaliptos aí seguen”. “Neste sentido, é curioso como a Xunta toma medidas contra os propietarios que plantan eucaliptos nas fincas, mais a Xunta non se auto-aplica a lei, que tamén está obrigada a cumprir”, afirma.

O BNG da Estrada insta ao alcalde e á Xunta “a mollarse pola PO-214; o noso concello necesita infraestruturas modernas e ben coidadas, que para algo pagamos impostos” afirma a concelleira nacionalista.