O BNG denuncia novos vertidos de auga contaminada ao regato de Figueiroa


WhatsApp Image 2020-06-17 at 21.28.31

Susana Camba: “ Sabemos que no PP son máis de cemento, que de políticas medio ambientais, inexistentes no noso concello, mais xa son horas de tomar en serio este problema”

Desde o BNG denuncian unha vez máis os vertidos da rede de sumidoiros en Figueiroa ao regato que atravesa esta parroquia. A concelleira do BNG, Susana Camba, achegouse na tarde de onte ao lugar onde se producen os vertidos e puido ver a desfeita provocada polo mal funcionamento da rede de depuración. Segundo explicou a concelleira nacionalista “isto non é primeira vez que ocorre, desde o BNG denunciámolo en reiteradas ocasións, mais desde o goberno do PP non teñen tomado medidas para paliar esta situación”.

“É un feito gravísimo o que está ocorrer no sistema de depuración do noso concello, mais o que non pode ser é que o goberno municipal faga oídos xordos ás continuas denuncias que fixemos desde o BNG”, afirma a concelleira do BNG. “Sabemos que no PP son máis de cemento, que de políticas medio ambientais, inexistentes no noso concello”, engade, “mais xa son horas de tomar en serio este problema”.

A concelleira nacionalista recorda que “xa no ano 2018 entregamos varios recipientes con auga contaminada recollida en diversos puntos da rede de sumidoiros do noso concello, para poñer en evidencia a ineficacia do sistema de depuración do noso concello, e a día de hoxe nin concello nin SEPRONA, nin Augas de Galicia tomaron cartas no asunto”. “Se fose un veciño ou veciña o que vertera auga contaminada ao regato, temos claro que estes organismo actuarían con maior dilixencia”, afirma a concelleira do BNG.

Susana Camba insta novamente ao alcalde da Estrada a “tomarse en serio as continuas denuncias que facemos desde o BNG, non é un feito puntual, é algo que acontece habitualmente, e o goberno municipal non pode mirar para outro lado, ten que actuar para evitar que auga contaminada chegue aos regatos e ríos do noso concello”.