Ana Miranda visitou A Estrada para coñecer os problemas do acceso a internet no noso concello


Berres (A Estrada)

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, defendeu que rematar coa discriminación do rural galego é un dos compromisos do BNG de cara ás eleccións do 12 de xullo. “Se Ana Pontón é presidenta tras as eleccións galegas investirá os fondos europeos tanto para solucionar os problemas que ten a veciñanza cos servizos de telefonía, internet e subministro eléctrico”, salienta.

Ana Miranda reuniuse co candidato do Bloque ás galegas, Pablo Carracedo (Jasper), a concelleira do BNG da Estrada, Susana Camba e militantes da zona, así como con veciñanza de Berres afectada pola fenda dixital. No encontro as persoas afectadas explicaron a situación deficitaria que impide que algunhas persoas poidan establecerse alí e emprender proxectos como autónomos.

“Nesta época marcada polas consecuencias da pandemia, na que a recomendación sigue sendo o teletraballo resulta inadmisible a discriminación do rural, que en moitos casos sigue tendo a telefonía do plan Fraga, como acontece no lugar de Vilancosta, na parroquia de Berres”, critica a portavoz do Bloque en Europa, quen sinala ademais que a respecto da electricidade soportan cambios de tensión que provocan danos en aparellos eléctricos domésticos.

Precisamente o BNG presentou unha pregunta dirixida á Comisión Europea polo incumprimento dos obxectivos da Estratexia Europa 2020, cuxo obxectivo principal é a implantación da banda ancha. “Galiza é a segunda comunidade autónoma con menor implantación do Estado español, o que repercute na brecha dixital en numerosos fogares afectados polos efectos da crise económica causada pola pandemia”, explica Miranda.