Fronte ao modelo de residencias privadas do PP ,o BNG defende unha residencia pública para A Estrada


DependenteA construción dunha residencia privada de maiores non debería ser motivo de celebración por parte do alcalde da Estrada, xa que demostra a súa incapacidade para xestionar a construción dunha pública por parte da Xunta de Galiza, amplamente demandada polos veciños e veciñas da Estrada.

Desde o BNG non entendemos o entusiasmo do alcalde, xa que esta residencia privada só persigue facer cartos a conta dos veciños e veciñas da Estrada, e ten como prioridade a rendibilidade e os beneficios.

Este entusiasmo do alcalde, e por suposto do PP, é seguramente máis preocupante nun intre como o que estamos a vivir, en plena pandemia, en que se demostrou que a xestión privada das residencias de maiores resultou terríbel, xa que a metade das 619 persoas que faleceron en Galiza polo Covid-19 eran persoas que vivían en residencias privadas de maiores. Este feito debería facer reflexionar o noso alcalde de que o modelo que apadriña non é o máis acaido para xestionar unha vellez digna para os nosos veciños e veciñas.

Desde o BNG estamos en contra deste modelo de residencias e non deixaremos de demandar a construción dunha residencia pública de maiores, que estea ao alcance de todos e todas, e que por riba da rendibilidade e os beneficios poña a vida das persoas.

Por outra parte, reiteramos unha vez máis a nosa preocupación pola xestión do alcalde á fronte do noso concello, totalmente entregado aos intereses privados. Hoxe falamos da residencia de maiores, mais tamén poderiamos falar dunha concellaría de urbanismo que se dirixe desde as consultoras privadas ou desde Mercadona ou da privatización encuberta do lixo.