Propostas do BNG para a Comisión Especial para o Reto Demográfico


O pasado mes de xuño o pleno do concello aprobou por unanimidade a posta en marcha da Comisión Especial para o Reto Demográfico. Desde o BNG denunciamos en reiteradas ocasións a perda de poboación que levaría o noso concello a baixar dos 20.000 habitantes. O BNG acudirá á reunión coa idea de aportar o noso grao de area para reverter esta grave situación, non só porque supón despoboamento e avellentamento da poboación, que tamén, senón porque supón un deterioro económico xeral do noso concello.

Para o BNG o problema demográfico é basicamente un problema de económico. A falta de traballo, o encarecemento da vivenda, o deterioro das condicións salariais e laborais, os problemas de conciliación, a falta de servizos no rural, … son elementos claves á hora de explicar a perda paulatina de poboación no noso concello. Neste sentido, a nosa concelleira, Susana Camba, trasladará á comisión as seguintes propostas de reactivación económica, que deberan formar parte da estratexia a medio e longo prazo do goberno municipal, xa que entendemos que é o concello o axente económico dinamizador clave no noso concello, que, por suposto, terá que buscar a implicación doutras administracións para levar a cabo esta estratexia:

  • Ampliación do polígono industrial de Toedo e incremento do solo industrial público, con prezos asequíbeis para favorecer a instalación de empresas e a creación de emprego.
  • Apertura de novas rúas, en concreto: prolongación da Rúa 25 de Xullo até as Colonias; prolongación da Rúa Antón Losada até a estrada de Pontevedra completando unha vía de circunvalación entre as colonias e o Pedregal; apertura da vía entre a estrada de Forcarei no entronque coa estrada de Ouzande e a avenida de Pontevedra conectándoa coa Rúa Fermín Bouza Brei. Estas propostas unha vez executadas, completarían unha trama viaria que contribuiría a desconxestionar o tráfico polo centro da vila e conformar un novo espazo urbano.
  • Dotar a vila de máis zonas de aparcadoiro en superficie e mellorar as existentes.
  • Construción de vivenda pública. Creación dun parque municipal de vivendas en alugueiro.
  • O saneamento do rural ten que chegar ao 100% dos núcleos do noso concello, polo que será unha das prioridades do goberno municipal, que deberá buscar alternativas viábeis aos custosos e ineficaces sistemas de depuracións actuais. Apostamos por tratamentos biolóxicos baseados en filtros verdes ou lagunaxe, máis axustados a realidade dos caudais que se producen nos núcleos rurais.
  • Mellorar o acceso a internet no rural, dotando de fibra o 100% dos núcleos ou buscando unha alternativa (mellora cobertura 4G, 5G…) que iguale o servizo que reciben os veciños e veciñas do rural cos da vila.
  • Impulsar a construción da Variante que desconxestione o tráfico, sobre todo pesado, pola vila e que optimice os movementos de mercadorías do polígono de Toedo, enlazando coa N-640 dirección Cuntis e Caldas, que tamén exixe unha importante mellora na baixada cara a Anllada, no seu trazado e na súa capacidade.
  • Promoción das Feiras Sustentábeis e incremento da súa periodicidade. Apoio á comercialización en circuíto curto e á creación de Cooperativas de Consumo. Creación da marca local “produto da Estrada”. Aumentar a superficie produtiva incentivando a mobilidade de terras abandonadas, fomentar iniciativas para cooperativizar o traballo, produción e a distribución agraria. Dinamizarase a inclusión de terreos no BANTEGAL e o alugueiro directo entre persoas propietarias e titulares de explotacións. Promover a creación canles de comercialización directa (praza de abastos, feiras sustentábeis, etc.) e establecer relacións estábeis co comercio local de xeito que os produtos do noso agro cheguen ás persoas consumidoras coa mesma facilidade que os de produción allea (froito da produción industrial intensiva) de peor calidade nutricional. Crear marcas identificadoras con órganos de control áxiles e pouco burocratizados: “produto da Estrada” como selo local.