O BNG pide que o centro de saúde poida facer probas de antíxenos para controlar o virus na Estrada


Estas probas son rápidas e fiábeis, e xa se fan noutros centros de saúde do noso país

Inmersos como estamos na segunda vaga da Covid19, faise inevitábel tomar as máximas medidas de protección social, ao tempo que reivindicamos desde o BNG que o noso centro de saúde teña á súa disposición todas as ferramentas posibles para loitar contra o virus. Por iso reclamamos que se os e as profesionais do centro de saúde da Estrada poidan realizar probas de antíxenos, rápidas e fiábeis.

Os alumnos e alumnas dos centros de ensino, os sanitarios/as dos centros de saúde, os traballadores e traballadoras dos sectores produtivos e de distribución imprescindibles, os e as profesionais do ensino, do transporte, etc. precisan de probas que dean seguridade no seus ámbitos profesionasis, e que con prazos de tempo o máis breves posible sexan capaces de dar conta de cal é a situación epidemiolóxica dos seus colectivos para actuar en consecuencia, bloqueando a tempo a extensión dos contaxios.

É por iso que a voceira da formación nacionalista, Susana Camba, insta ao goberno municipal a que reivindique en nome dos veciños e veciñas do noso concello, que o centro de saúde poida realizar probas de antíxenos, unhas probas que xa se fan noutros centros de saúde, como por exemplo en Ribeira. Evidentemente, tamén compre reivindicar un incremento de persoal sanitario para poder efectuar estas probas e apoiar ao existente.

Estamos en guerra, reivindicamos que desde os SERGAS se poñan a disposición dos responsables e traballadores/as sanitarios todas as armas dispoñíbeis.