PSOE e Podemos esquecen o noso concello, a Variante non conta nos orzamentos


BNG presentará emendas aos orzamentos estatais para darlle o impulso necesario a estra infraestrutura

“PSOE e Podemos esquecen o noso concello; novamente os orzamentos do Estado previstos para 2021 volven esquecer a Variante da Estrada, consignando uns miserentos 100.000 euros que non servirán para impulsar esta infraestrutura no noso concello”, afirma a concelleira do BNG, Susana Camba.

“Mais a culpa deste agravio continuado o noso concello non só é atribuíbel ao goberno de coalición do Estado, o alcalde, coma sempre, non fixo nada ao longo destes meses para que A Estrada contara nos orzamentos do Estado”, explicou a concelleira nacionalista.

Susana Camba explica que “temos un alcalde inútil para defender os intereses do noso concello, só se encarga de vender o que lle poñen enriba da mesa as empresas privadas, é incapaz de levantar o teléfono para preocuparse polos intereses colectivos, de preocuparse polo estado da Variante e da súa evolución”.

A concelleira do BNG anunciou que presentará emendas para “darlle un impulso a esta infraestrutura tan necesaria para vertebrar o noso territorio e desconxestionar o centro da vila”. “A Estrada non pode agardar máis tempo, queremos a Variante e querémola xa”.