O BNG apoia as mobilizacións do sector da hostalaría da Estrada


Instamos ao alcalde a tomar medidas para paliar a crise do sector

Desde o BNG da Estrada, xa o dixemos desde o principio da pandemia, apoiamos as medidas que se están a tomar para frear o virus Covid19. A nivel galego a nosa organización tense instado ao goberno da Xunta a tomar medidas máis contundentes para frear unha pandemia que nos últimos días está batendo records de contaxios, hospitalizacións e mortes, unha situación que non é allea o noso concello.

Mais estas medidas, necesarias, teñen unha contrapartida negativa, xa que hai sectores económicos gravemente afectados polos peches perimetrais, os confinamentos e os toques de queda para aminorar a mobilidade de persoas. Un destes sectores é o da hostalaría, gravemente afectado por decisións políticas, necesarias, pero prexudiciais desde un punto de vista económico.

Desde o BNG queremos manifestar todo o noso apoio ao este sector importante na economía local e neste sentido apoiamos as mobilizacións previstas para mañá xoves. Mais pensamos que o alcalde ten que sentarse co sector, escoitar as súas reivindicacións para facer de interlocutor con outras administracións, sexa a Xunta ou o Estado.

Por outra parte, a nivel local o concello debería botar unha man ao sector a través dunha liña de axudas para facer máis levadeiro os peches obrigatorios, como fixeron en Verín, cuxo goberno municipal concedeu unha axuda de 300 euros fixos, ás que lle sumou outras axudas de tipo variábeis en funcións dos gastos do estabelecemento.

Son momentos complicados, ao tempo que extraordinarios, e son nestes momentos cando os representantes políticos teñen que estar á altura das circunstancias. O alcalde non pode facer como se a cousa non fora con el, xa que hai un sector económico, do que dependen moitos traballadores e traballadoras, así como autónomos e autónomas, que o está a pasar moi mal. É o momento de que o alcalde estea á altura.