Susana Camba presenta por urxencia a moción para espallar a fibra óptica por todo o rural


“Nin Couso pode quedar atrás, nin ningunha outra parroquia pode quedar excluída do futuro das redes de comunicación”, afirma

A concelleira do BNG, Susana Camba, presenta por urxencia a moción para espallar a fibra óptica a todo o rural da Estrada no pleno ordinario deste 5 de novembro. A concelleira nacionalista explica “que aínda que esta moción non pasou pola comisión correspondente, non é de recibo que o goberno do PP a teña nun caixón, cando hai no rural unha verdadeira inquietude sobre o espallamento da fibra óptica”.

“Onte mesmo”, explica a concelleira do BNG, “veciños e veciñas de Couso, achegáronnos máis de 100 sinaturas solicitando o espallamento da fibra óptica na parroquia”. “Nin Couso pode quedar atrás, nin ningunha outra parroquia pode quedar excluída do futuro das redes de comunicación”, afirmou, “todos os veciños e veciñas pagan impostos e teñen dereito a ter os mesmos servizos, independentemente de onde vivan”. “Se no canto de falar de fibra óptica”, engade, “estivésemos a falar de electricidade sería impensábel deixar fóra ao 67% dos núcleos rurais”.

A concelleira do BNG, Susana Camba, indicou que “a crise do Covid19 puxo en evidencia as carencias do rural galego no que atinxe ás redes de banda ampla, imprescindíbeis para o tele-traballo ou a tele-educación, e importantes para fixar poboación rural”.

A moción presentada polo BNG “insta ao goberno municipal da Estrada a facer as xestións oportunas diante da Xunta de Galiza e do Goberno central para o despregamento da fibra óptica en todo o territorio do noso concello en igualdade de condicións para todos os veciños e veciñas.”

“Por outra parte”, explica a concelleira nacionalista, “tamén insta ao goberno municipal a facer un estudo da situación da rede telefónica do noso concello para detectar aqueles núcleos onde é imposíbel acceder a internet por cable, xa que en pleno século XXI aínda hai núcleos con tecnoloxía TRAC, inútil para conectarse a internet”.

Instalación chapuceira

Susana Camba tamén instou ao goberno municipal do PP a “tirar das orellas ás operadoras, porque non están facendo ben o seu traballo; espallan o cable de fibra polos núcleos e parroquias escollidos, pero non fan as comprobacións oportunas para ver se os veciños e veciñas se poden conectar á rede”. “Segundo nos comentan persoas que contrataron a fibra”, engade a concelleira, “a operadora non puido facer a instalación porque a fibra non tiña potencia suficiente, demorándose a posta en funcionamento da banda ampla en domicilios e negocios”.

“Agardamos que isto sexa un caso puntual”, afirma, “mais, insistimos, o concello ten que dar un tirón de orellas ás operadoras que están espallando a fibra óptica polo rural para que as instalación cumpran cos estándares de calidade correspondentes; non se trata de tirar cable e cobrar a subvención, senón de facer as cousas ben”.