O concello non realiza a recollida de voluminosos no rural (e non sabe cando o volverá a facer)


Codeseda

Susana Camba pide ao alcalde maior dilixencia á hora de mellorar a xestión do punto limpo e ínstao a tomar medidas inmediatas para solucionar o problema da recollida dos voluminosos

A recollida de voluminosos que, en teoría, é un servizo que presta o concello desde hai anos, está suscitando numerosas críticas nas parroquias e lugares.

Segundo explicou a concelleira do BNG, Susana Camba, “veciños e veciñas comunicáronnos que nos últimos meses o concello non pasa a recoller os voluminosos para trasladalos ao punto limpo”. “De feito”, engade, “desde a oficina da alcaldía, que é a onde hai que chamar para prestación deste servizo, recoméndalle aos veciños e veciñas, que leven pola súa conta os voluminosos ao punto limpo, porque desde o goberno municipal non saben cando se vai prestar ese servizo”.

“O curioso”, explica a concelleira nacionalista, “é que na web do concello non figura información algunha de que se deixara de prestar o servizo, ao contrario, no apartado do punto limpo explican o procedemento a seguir polos veciños e veciñas, xerando confusión e frustración”.

“De todos os xeitos”, afirma a concelleira do BNG, “xa temos denunciado en numerosas ocasións o desleixo do goberno do PP co medio ambiente, así como a nefasta xestión do punto limpo, e o da recollida dos voluminosos xa é pinga que desborda o vaso”.

A concelleira nacionalista recordou que “hai poucos días rexistramos unha moción para mellorar a xestión do punto limpo, onde incidiamos tamén na recollida dos voluminosos polo rural”. “Agardamos do goberno municipal dilixencia á hora de enfrontar este problema medioambiental que nos consideramos grave”, engade, “e instamos ao alcalde a tomar medidas inmediatas para solucionar o problema da recollida dos voluminosos”.