O BNG pide que o concello publicite os bares e restaurantes que elaboran menús para levar


Susana Camba: “Consideramos importante a implicación do concello para chegar ao maior número de persoas posíbeis”

A concelleira do BNG, Susana Camba, insta ao goberno municipal do PP “a elaborar unha lista con todos os restaurantes e bares que elaboran menús para levar para compartila a través das redes sociais, do Whatsapp do concello e mesmo da páxina web oficial.“

“Esta iniciativa xa está circulando a través de Facebook”, indica, “mais consideramos importante a implicación do concello para chegar ao maior número de persoas posíbeis”. “A hostalaría local está a atravesar momentos moi complicados”, afirma Susana Camba, “e é o momento de que o concello se implique, non só con declaracións e anuncios, senón con iniciativas concretas”.

“Esta proposta”, engade a concelleira, “non é excluínte de outras axudas que pode adoptar o concello e que xa reclamamos a semana pasada cando amosamos como organización o apoio e colaboración ao sector hostaleiro do noso concello”.