O BNG multiplica por 100 o orzamento previsto para a Variante


Susana Camba: “A emenda presentada polo BNG é a proba do algodón para ver a disposición de PSOE e Unidas Podemos para poñer en marcha esta obra”.

Como xa anunciou, o BNG da Estrada deu a coñecer as emendas que presentou aos orzamentos do Estado de 2021. En total suman 10.600.000 euros, dos que a meirande parte, 10 millóns de euros, serían para a Variante, e o resto serían para mellorar o acceso á AP-53 no Alto da Rocha (300.000 euros) e mellora do enlace que a Guimarei, Cereixo e Vinseiro ao final da Avenida Benito Vigo (300.000).

Segundo explicou a concelleira do BNG, Susana Camba, “sabemos que os 10 millóns de euros serán insuficientes para construír a Variante, que ten algo máis de 8 quilómetros, pero de aprobarse daranlle un impulso importante a unha obra que leva décadas demorándose”.

“Digamos que é a proba do algodón”, engadiu, “para ver a disposición do goberno de PSOE e Unidas Podemos para poñer en marcha a Variante, que para o BNG é imprescindíbel para mellorar as comunicacións da N-640 ao seu paso pola vila”.

O proxecto de orzamentos de 2021 contempla un investimento de 100.000 euros, que o BNG considerou “ridículos para unha obra que ten un custe de máis de 50 millóns de euros”, afirmou a concelleira nacionalista. “O BNG multiplícaos por 100”, engade, “e agardamos que no Congreso conten co voto favorábel de PSOE, Podemos e PP, xa que na localidade o apoio a esta infraestrutura é unánime entre as forzas políticas”.

“Por outra parte”, engade a concelleira, “tamén presentamos emendas para mellorar o acceso á AP-53 no alto da Rocha, así com o enlace Guimarei, Cereixo e Vinseiro ao final da Avenida Benito Vigo, dous puntos negros que ten a N-640 ao seu paso polo concello da Estrada, e que levamos anos instando á súa mellora”.