Aprobada a moción do BNG para levar a fibra óptica a todas as aldeas e parroquias da Estrada


Susana Camba: “Non pode haber veciños e veciñas de primeira nin veciños e veciñas de segunda, todos temos dereito a aos mesmos servizos, vivan onde vivan”

O pleno da corporación municipal aprobou no día de onte a moción do BNG que insta ao goberno municipal a levar a fibra óptica a todos os núcleos e parroquias do noso concello.

A concelleira do BNG, Susana Camba, explicou que “hai máis de tres anos que a fibra óptica se empezou a despregar no concello, concretamente na vila e no polígono industrial, desde aquela foi unha teima do BNG traballar para que a fibra tamén chegara ao rural, que a todos os núcleos e parroquias do noso concello”. “Ese é obxectivo da moción que se aprobou onte por unanimidade”, engade, “non pode haber veciños de primeira e veciños de segunda, todos temos dereito aos mesmos servizos, vivan onde vivan”.

“Demos un paso importante coa aprobación desta moción que presentamos desde o BNG”, afirma, “mais agora queda o máis difícil, negociar coas operadoras, negociar coa Xunta e co Estado para levar a fibra a todos os recunchos do noso concello, mais iso é algo no que se ten que implicar o goberno municipal”. “Estaremos vixilantes para que cumpran, non imos permitir que esta moción acabe nun caixón como fai o PP con todo”, engade.

“Agradecemos o apoio de todos os partidos a esta moción”, explica, “coido que todos entenderon que estamos a falar do futuro, que é unha necesidade presente, que debemos ter unhas conexións eficientes e seguras para desenvolver o noso traballo e estudar; a fibra ten que chegar a todas as aldeas, como chega a electricidade”. “Coido que a día de hoxe ningún goberno sensato debuxaría sobre un mapa a que aldeas leva a electricidade e cales non, coa fibra pasa o mesmo”, afirma.

“Por outra parte”, engade a concelleira, “o vindeiro xoves tamén se discutirá no seo da Fundación Cultural outra proposta do BNG para converter A Estrada Dixital en operador virtual de telecomunicacións, que permita que esta entidade municipal comercialice fibra óptica e telefonía móbil”.

“Coido que sería un salto cualitativo importante para A Estrada Dixital e podería redundar nun abaratamento dos prezos no acceso a internet e na telefonía para os veciños e veciñas da Estrada; ademais pensamos que isto pode mellorar a cobertura de 4G, que deixa bastante que desexar en boa parte do rural do noso concello”, afirma.