Os rozamentos da Xunta son raquíticos coma sempre e non recollen todas as necesidades do noso concello


Os orzamentos da Xunta de 2021 son a mesma historia de sempre, raquíticos e non recollen a necesidades do noso concello, que pasan por aumentar o solo industrial público para xerar emprego, pasan pola recuperación do noso patrimonio e pasan por mellorar os servizos públicos.

O noso alcalde pode pasear con Feijóo na inauguración do novo centro de saúde, mais vendo os investimentos previstos pola Xunta no noso concello, é obvio que A Estrada só conta para sumar votos para o PP.

No medio dunha crise económica brutal non se entende que o goberno municipal non aposte por ampliar o polígono industrial de Toedo e por impulsar a Cidade do Moble, que xa hai anos que non aparece nos orzamentos da Xunta, mentres, iso si, as empresas do moble da madeira non teñen por onde ampliar os seus negocios e mesmo, como xa denunciamos no seu día, teñen que comprar terreos nos concellos veciños.

Converter o ambulatorio en centro de día

Tampouco se entende que o goberno municipal non aposte por un centro de día público, deixando un sector tan importante en mans privadas. Neste sentido, e tendo en conta que o actual ambulatorio vai quedar baleiro dentro duns días, estes orzamentos de 2021 podía recoller xa unha partida para adaptar ese edificio ás necesidades dun centro de día, como xa propuxemos hai anos desde o BNG. Pensamos, neste sentido, que é urxente darlle unha utilidade a ese espazo, non só para evitar o seu deterioro, senón para revitalizar unha zona que vai quedar nunha situación moi crítica no momento que o ambulatorio peche as súas portas.

Tampouco hai un só euro para actuar sobre o noso patrimonio. A Torre e o Pazo de Guimarei segue entre silveiras e toxos e o plan integral da ponte de Pontevea, tantas veces anunciado queda e en nada novamente nos orzamentos de 2021.

Desde o BNG presentaremos emendas que recollerán estas propostas, entre moitas outras, porque, a diferenza do PP, a nosa organización ten claro as necesidades do noso concello e non imos permitir que empresas privadas deseñen A Estrada que a elas lles interesa. A única aspiración do alcalde e o seu partido é pasear ao lado de Feijóo.