A Estrada Dixital estudará a iniciativa do BNG para converterse en OPV


Este xoves reuniuse o padroado da Fundación Cultura A Estrada e entre outros asuntos tratou a iniciativa do BNG para converter A Estrada Dixital en operador virtual para poder comercializar fibra e telefonía móbil. Segundo explicou a representante nacionalista no padroado, Clara Iglesias, “a proposta foi ben acollida no seo do padroado e acordou estudar a viabilidade desta iniciativa”.

“Desde o BNG gustaríanos que o padroado tomase unha decisión xa o propio xoves, mais entendemos que o lóxico é estudala, analizala, ver as necesidades, os custes,… polo que daremos un tempo para este traballo se poida desenvolver”, afirmou a representante do BNG. “Con todo, pensamos que é urxente actuar para A Estrada Dixital non se quede atrás, dados os cambios que se están dando no mundo das telecomunicacións, tamén no noso concello”.

Por outra parte, a concelleira do BNG, Susana Camba, explicou que “esta iniciativa que presentamos xa no mes de setembro ten por obxectivo fortalecer o proxecto de A Estrada Dixital nun mercando cambiante, e ademais proporcionar un servizo de acceso a internet e telefonía móbil a prezos asequíbeis, desde unha entidade municipal, A Estrada Dixital, sobradamente coñecida entre os veciños e veciñas e con traxectoria e solvencia suficientes para desenvolver este traballo”.

“Agardamos sinceramente que desde o goberno municipal tomen a serio esta iniciativa”, afirma, “é importante non perder tempo e tomar decisións, porque, como xa dixemos, o futuro xa é hoxe”.