Exiximos do alcalde unha desculpa pública polas graves acusacións vertidas contra o BNG


Rexeitamos contundentemente as manifestacións do alcalde en apoio ao fascismo encarnado en Vox

Dende o BNG queremos expresar o noso malestar co goberno de López Campos. Estamos fartas da súas actitudes prepotentes e maleducadas, e rexeitamos contundentemente as manifestacións do alcalde en apoio ao fascismo encarnado en Vox, asi como as graves acusacións de apoio a asasinos, vertidas contra a nosa organización política no pleno de onte.

Sorpréndenos que hai pouco máis dunha semana, o 25 de novembro, o alcalde e a concelleira de Igualdade, Amalia Goldar, estiveran poñendo un lazo negro diante do concello en rexeitamento polos crimes machistas, e no día de onte apoien a un partido fascista que nega a violencia machista de xeito sistemático, e cuxa concepción da muller nos retrotrae aos peores anos da violencia franquista.

Do mesmo xeito, observamos con asombro, como as diatribas do alcalde de cara as mulleres da oposición van dende o paternalismo até a indiferenza máis insultante, como cando onte se negou repetidamente a darlle a palabra á concelleira do BNG, Susana Camba, para que puidera rexeitar as declaracións lamentables e vergoñentas do noso alcalde contra a nosa organización.

O que ten que facer López Campos é defender aos veciños e veciñas da Estrada e atender aos seus intereses, no canto de utilizar os plenos como o seu particular ring de boxeo e facer deles un circo vergoñento. Agardamos unha desculpa pública pola súa parte e que retire as graves acusacións noxentas que lle fixo contra BNG, algo ao que se negou repetidamente neste último pleno e que motivou o noso abandono en sinal de protesta e en nome da dignidade e a máis elemental e hixiene democrática.

Lembramos ao goberno do sr López e a el en particular, que dende o BNG sempre expuxemos o noso punto de vista dende o respecto, sen insultar a ninguén e aceptando a diversidade, esteamos ou non de acordo. Agardamos que el faga o mesmo e que afronte o cargo que ostenta, de tanta responsabilidade, coa madurez e a altura de miras que tanto lle reclama aos demais, pero que el mesmo rara vez practica.

Nós seguiremos traballando polo ben da veciñanza e facendo uso da liberdade de expresión, mal que lle pese.