O novo centro de saúde: non é ouro todo o que reloce


Centro de saúde

Fisioterapia no quinto pino, un só ascensor, o uso do galego, as zonas de aparcamento e especialmente a situación na que queda a Avenida de Santiago, son eivas e problemas que detectamos, preocúpannos, e cómpre unha actuación inmediata por parte do goberno municipal

O novo centro de saúde, inaugurado hai poucos días, gusta aos veciños e veciñas, supón un salto cualitativo importante a respecto do situado na Avenida de Santiago, porén ten eivas que desde o BNG queremos poñer sobre a mesa con afán construtivo para mellorar aínda máis o servizo.

Fisioterapia no quinto pino

Se un doente ten que ir ao servizo de fisioterapia vai porque en moitos casos ten unha doenza que lle impide moverse con normalidade. Neste sentido, situar este departamento nunha esquina do edificio do segundo andar non é a mellor ubicación para un servizo deste tipo. O normal é que fisioterapia estivese situado na planta baixa, como no anterior, facilitando o desprazamento dos doentes.

Un só ascensor

Outros dos problemas que vemos é que haxa un só ascensor. É máis grande que o que había no antigo centro de saúde, mais se a recomendación en tempos de Covid é que non se mesturen persoas que non conviven nun sitio pechado, o lóxico é que houbese dous ascensores para facilitar os desprazamentos aos andares superiores.

O galego sempre esquecido

“Salida”, “Mantenga la distancia de seguridad”, a locución dos ascensores en castelán… son algunhas das eivas que detectamos no novo centro de saúde no que atinxe o uso da nosa lingua. Son detalles, mais reflicten a falta de interese e o desleixo da Xunta de Galiza co galego.

As zonas de aparcamento

Son un caos e queda escaso. Non se pode definir doutro xeito. O concello anunciou hai poucos días que ía incrementar o número de prazas, mais entendemos que isto xa tiña que estar arranxado, xa que o novo centro de saúde non aparece da noite para a mañá, estaba prevista a súa construción desde hai varios anos, co cal, unha vez máis temos que acusar ao goberno municipal do PP de falta de previsión, xa que era algo que tiña que estar resolto.

Por outra parte, a zona de entrada a urxencias corresponde cunha praza de aparcamento, que no concello solucionaron colocando unhas barreiras e un letreiro. O dito: un caos, que aínda hoxe non está resolto e xera moitas dúbidas aos usuarios e usuarias.

A morte da Avenida de Santiago

Hai poucos días un medio de comunicación local informaba que os negocios da Avenida de Santiago deixaron de facturar o 50% desde o peche do centro de saúde. No BNG non nos sorprende esta baixada, ao contrario, xa indicamos en 2017 que isto ía ocorrer se non se lle daba un uso ao centro de saúde pechado. Desde o BNG propuxemos reconvertelo nun centro de día, mais as autoridades competentes non se pronunciaron, e o peor é que no goberno municipal e na Xunta aínda non saben que facer con el. Unha vez máis a improvisación que sacude negativamente os petos dos veciños e veciñas.

Como dicíamos ao principio, expoñemos aquí algunha das eivas que detectamos no novo centro de saúde, e facémolo con afán construtivo. Instamos ao goberno municipal a tomar medidas e a solucionalas rápido, especialmente no que atinxe a situación na que queda a Avenida de Santiago, onde están en xogo negocios, familias e empregos. O goberno municipal ten que poñerse mans á obra.