O BNG presenta alegacións ao trazado da AG-59


Proxecto AG-59

Susana Camba: “en apenas tres quilómetros de autovía ao seu paso polo noso concello divide en dous as parroquias de Santa Cristina de Vea e Cora, arrasa terreos agrarios, destrúe o secular Camiño da Geira e dos Arrieiros ao seu paso por estas dúas parroquias, arrasa elementos arquitectónicos e patrimoniais de incalculábel valor, arrasa roteiros, o que nos leva a pensar que o trazado escollido non é o máis acaido para preservar a nosa identidade cultural e paisaxística, así como manter un rural vivo e produtivo”

O BNG da Estrada presenta alegacións contra o proxecto de ampliación da AG-59 entre A Ramallosa (Teo) e o Rollo (A Estrada). Segundo explicou a concelleira do BNG, Susana Camba, “en apenas tres quilómetros de autovía ao seu paso polo noso concello divide en dous as parroquias de Santa Cristina de Vea e Cora, arrasa terreos agrarios, destrúe roteiros e o secular Camiño da Geira e dos Arrieiros ao seu paso por estas dúas parroquias, arrasa elementos arquitectónicos e patrimoniais de incalculábel valor, o que nos leva a pensar que o trazado escollido non é o máis acaido para preservar a nosa identidade cultural e paisaxística, así como manter un rural vivo e produtivo”.

A concelleira nacionalista explicou que “as parroquias de Santa Cristina e Cora veranse seriamente afectadas polo traxecto, dividíndoas en dous e pasando moi preto das casas (O Rollo, A Cerqueira e Vilacriste), o que alterará gravemente a habitabilidade e cortar algunha das tradicionais vías de comunicación, en concreto, a vía que une A Cerqueira con Carbia e a da Cerqueira co lugar da Torre, ambas na parroquia de Santa Cristina de Vea”. “Por outra parte”, engade Susana Camba, “o proxecto arrasa importantes extensións de terreo agrario en ambas as dúas parroquias, onde están ubicadas grandes explotacións agro-gandeiras”. “Se queremos un rural vivo”, afirma, “arrasar fincas non é o mellor xeito de traballar polos nosos sectores produtivos”.

“A seguranza vial tamén é un tema que nos preocupa”, indicou, “no BNG cremos que o enlace coa PO-841 á altura do Rollo non é o sitio máis acaido pola forte pendente que ten a recta de Baloira, que fai que os coches alcancen altas velocidades nesa zona”. “Poñer unha entrada nese punto cremos que pode ser perigoso”, afirma, “hai recordar que nese punto tivo que reforzarse o firme hai uns anos polas continuas saídas de vía que se rexistraban ao final desa recta”.

“Por outra parte”, engade “pensamos que a conexión coa AG-59 debería estar máis preto do polígono industrial de Toedo e enlazar co que sería a Variante, o que permitirían ás empresas situadas no polígono industrial de Toedo, así como na Cidade do Moble, unha conexión áxil coas grandes vías de comunicación galegas, principalmente a AP-9 e a AG-53”.

“Neste sentido vemos con preocupación a falta de interese por parte do goberno municipal e da Xunta por dotar a Estrada de máis solo industrial público; que a conexión coa AG-59 estea no Rollo e non en Toedo xa demostra que a idea do PP non pasa por aquí”, afirma, “ao contrario, o actual deseño do enlace da PO-841 coa AG-59, a parte de perigoso, é disfuncional cos intereses socioeconómicos do noso concello; dá prioridade a chegar máis rápido e ter máis preto os grandes centros comerciais de Compostela, e a converter A Estrada nunha vila dormitorio, que a dinamizar a nosa economía e vertebrar noso territorio”.

“Outro aspecto que nos preocupa deste proxecto da Xunta é o patrimonial”, explica “desde O Rollo até cruzar o Ulla hai moi poucos quilómetros, porén en tan curto espazo é imposíbel arrasar tanto patrimonio cultural como por exemplo o Camiño da Geira e dos Arrieiros que vén de Braga (Portugal) até Santiago Compostela, que pasa polos lugares do Rollo, A Cerqueira e Vilacriste”. “Este Camiño”, engade a concelleira nacionalista, “foi posto en valor pola asociación Codeseda Viva, que logo dun intenso traballo de documentación demostrou que o paso deste camiño de peregrinación afundía as súas raíces no tempo, chegando até o século IX, e foi recoñecido recentemente polo arcebispado de Santiago de Compostela”.

“Ademais”, engade, “o castro en Vilacriste e a ruta dos muíños do Vea, posta en valor pola asociación A Xesteira de Couso, veranse seriamente prexudicados; así, o valor paisaxístico e ecolóxico que ten toda esa zona, quedará gravemente afectada por este proxecto de ampliación da AG-59 que atravesa a Rede Natura 2000”.

“Insistimos: é imposíbel facer tanto dano en apenas tres quilómetros de autovía que atravesa o noso concello até cruzar o Ulla”, afirma a concelleira do BNG, Susana Camba, “por iso presentamos unha serie de alegacións a este proxecto para que a Xunta elabore outro trazado menos prexudicial para o noso concello”.