O BNG da Estrada insta ao concello a botar sal nas vías municipais e nas rúas da vila


Camiño Penarada

Susana Camba: “o goberno municipal do PP ten que actuar, pois as xeadas e baixas temperaturas seguirán nos vindeiros días”

As intensas xeadas que están caendo estes días no noso concello están deixando un estampa fermosa, mais tamén perigosa na maioría das vías de titularidade municipal, así como nas rúas e beirarrúas da vila.

A concelleira nacionalista, Susana Camba, explicou que “o pasado xoves no pleno chamamos á atención do goberno municipal sobre esta situación e vemos que nada se fixo, a maioría das vías de titularidade municipal están intransitábeis a primeira hora da mañá, cousa que se solucionaba cun pouco de sal, unha situación que se estende a algunha das rúas e beirarrúas do casco urbano”.

“Cremos que o goberno municipal do PP ten que actuar, pois as xeadas e baixas temperaturas seguirán nos vindeiros días”, afirma a concelleira do BNG, “por iso reiteramos que o alcalde é responsábel do mantemento das vías de titularidade municipal e instamos ao goberno a botar sal nas vías, rúas e beirarrúas para evitar accidentes aos veciños e veciñas da Estrada”.