Un PP sen ideas vai ao doado, traballar sobre o xa feito


Fochancas na Avenida de Santiago

Seis das oito rúas sobre as que actuará o goberno municipal xa están humanizadas por gobernos anteriores, mentres, por exemplo, os veciños e veciñas da Avenida de Santiago teñen a rúa inzada de fochancas.

O goberno municipal do PP actúa sobre o xa feito, concentrando todas as súas actuación no centro da vila, abandonado o rural á súa sorte, unha situación que se agravará se o concelleiro de rural compatibiliza o seu cargo co de deputado no Congreso

No día de onte o concelleiro de urbanismo enumeraba en Facebook as actuacións previstas nas rúas vila. Serafín Pazo, Praza da Feira, Ulla, Porta do Sol, Calvo Sotelo, Justo Martínez, 25 de Xullo e Iryda. Todas, agás as dúas últimas, son rúas que xa están humanizadas e recibiron a atención dos gobernos municipais correspondentes. Porén, outras, como a Avenida de Santiago agarda desfeita pola acción do intenso tráfico que soporta e pola acción de choiva que acelera o seu deterioro. Esta rúa necesita unha actuación en serio, non parches, porque é habitual o seu deterioro.

Como xa denunciamos hai algún tempo o goberno municipal do PP actúa sobre o xa feito, concentrando todas as súas actuación no centro da vila, deixando abandonadas as marxes, o que está a levantar un forte malestar entre os veciños e veciñas da vila, que non teñen a sorte de vivir no centro.

E por outra parte, o rural. Mentres o goberno municipal de López concentra as súas actuacións na vila, o rural a monte, con vías moi deterioradas, ás que, como moito se lles bota unhas palas de chapapote. Unha situación que é probábel que vaia a peor, unha vez o Sr. Constenla, concelleiro de rural, tome posesión do cargo de deputado no Congreso. Se o rural está mal a estas alturas, non nos imaxinamos como estará dentro de seis meses ou un ano.

Neste sentido, no BNG entendemos que a acumulación de cargos non é boa para a xestión do día a día do noso concello, así como tampouco o é para defender os intereses da Estrada no Congreso. O Sr. Constenla debería elixir: ou o concello ou o Congreso. Así como debe elixir cobrar polo concello ou cobrar polo Congreso. Acumular cargos é negativo para os veciños e veciñas da Estrada, acumular soldos é pouco ético.