O goberno municipal do PP pecha servizos sociais por Covid19 e non por enriba da mesa unha alternativa


Susana Camba: “Entendemos que os protocolos mandan e que cando se detecta un contaxio hai que tomar medidas, mais o goberno municipal ten que buscar unha alternativa para manter aberto servizos sociais”

Os servizos sociais do concello están pechados ao detectar un brote neste departamento municipal e o goberno municipal non toma medidas para mantelo acceso, ben presencialmente, ben con asistencia telefónica.

A concelleira do BNG, Susana Camba, explicou que “entendemos que os protocolos mandan e que cando se detecta un contaxio hai que tomar medidas, en primeiro lugar, illar ás persoas presumibelmente contaxiadas e desinfectar as instalacións, e en segundo lugar contactar persoalmente coas persoas citadas para anular a cita ou cambiarlla para outro día”. “Das medidas que podía tomar o goberno municipal ante unha situación de contaxio só se tomou a primeira”, afirma a concelleira do BNG, “deixando tirados aos veciños e veciñas que tiñan cita para estes días”.

“Efectivamente, diante dunha pandemia como a que estamos vivindo, as traballadoras dos servizos sociais poden contaxiarse como calquera outra traballadora que atende ao público”, afirma Susana Camba, “pero é responsabilidade do goberno municipal tomar medidas para manter acceso un servizo clave no actual contexto socio-económico que estamos vivindo, onde moitas persoas precisan axuda; e o que non pode ser é que servizos sociais estea pechado”. “En primeiro lugar, o concello pode tirar das listas de substitucións para cubrir esas vacantes laborais”, engade, “mais tamén pode implantar o tele-traballo ou a asistencia telefónica para atender ás persoas que o necesiten”.

“Mais o peor de todo isto é que os contaxios xa se detectaron na fin de semana”, afirma a concelleira do BNG, “estamos a mércores e o goberno non tomou medidas para manter aberto este servizo, optou pola saída doada, pechar todo o departamento sen poñer enriba da mesa unha alternativa”.

A concelleira do BNG, Susana Camba, insta ao alcalde a tomar medidas, “porque como mínimo as traballadoras terá que estar 10 días en corentena e non pode ser que servizos sociais estea pechado sine die.”

Por outra parte, a concelleira nacionalista manda “unha forte aperta ás traballadoras de servizos sociais” e agarda “que teñan unha rápida e satisfactoria recuperación”.