BNG da Estrada eleva unha protesta a Naturgy polo custe desorbitado da luz e mal servizo


Protesta ante Naturgy

A organización nacionalista tamén rexistrou unha moción no concello, para exixir do goberno español a a baixada do IVE na factura eléctrica do 21% ao 4%, o que reduciría notabelmente o custe da electricidade, que é un ben de primeira necesidade

Militantes do BNG da Estrada trasladaron na tarde de hoxe unha queixa a Naturgy, operadora eléctrica dominante no noso concello, en protesta polo elevado custe da enerxía eléctrica e polo pésimo servizo prestado, en especial no rural, que se fai máis evidente en períodos de temporal como os que estamos a vivir nos últimos días.

No escrito que presentou o BNG na oficina que ten esta operadora no noso concello, exíxese que baixe a súa tarifa eléctrica eliminando o chamado sistema marxinalista e cobrando a factura ao prezo da fonte xeradora da mesma. O BNG tamén insta a mellorar a infraestrutura eléctrica, especialmente no rural, para evitar os continuos cortes de electricidade como os vividos nos últimos días no rural do noso concello. Non é tolerábel que apenas caen catro gotas e fai algo de vento e os veciños e veciñas do rural teñen que sobren caídas de tensión e cortes no subministro eléctrico. Por outra parte, a organización nacionalista tamén insta á eléctrica a reducir a parte fixa da factura de tal xeito que sexa un incentivo para un uso responsable no consumo da enerxía. E ademais, reclama á operadora eléctrica que elimine da factura os impostos que corresponde pagar á compañía eléctrica.

O BNG entende que a enerxía eléctrica é un ben de primeira necesidade a través do cal podemos dende conservar alimentos, medicinas, comunicarnos, ter auga, cociñar ata prover de calor ao fogar. É unha das ferramenta que dotan de dignidade ao ser humano na sociedade actual.

O Pacto Internacional dos Dereitos Económicos, Sociais e Culturais de 1966 no seu artigo 11 recolle o dereito ao acceso á enerxía para a cociña, a iluminación e a calefacción. No ano 2015 a ONU aprobou a axenda 2030 sobre o desenvolvemento sostible e no artigo 7 garante o acceso a unha enerxía asequible, segura, sostible e moderna para todos.

A recente suba da factura da luz, de entre un 20 e un 30% no primeiro tramo de xaneiro e en plena onda de frío, contradí todo o exposto anteriormente. Nun momento de crise económica con un índice de paro do 16,20% no estado español e dun 15,08% no concello da Estrada, así como a precarización laboral da meirande parte das persoas, que aínda tendo un traballo, sofren moitas dificultades para chegar a fin de mes, fan moi difícil o acceso ao que, acabamos de comprobar, é un dereito humano básico. Non é menos importante que no actual momento de pandemia sanitaria, no que a meirande parte da poboación se ve obrigada a pasar máis horas nos seus fogares, a dificultade de acceso á electricidade pode ter como consecuencia un deterioro na saúde tanto física como psicolóxica.

Por outra parte, non podemos esquecer que en Galiza sufrimos as consecuencias da depredación dos nosos recursos por parte das eléctricas (encoros nos ríos, muíños de ventos nos montes), sen que iso teña unha compensación no prezo da electricidade que pagamos os galegos e as galegas. Ademais, tamén sufrimos continuos cortes eléctricos en canto caen catro gotas ou fai algo de vento -vímolo estes días-, froito dunha infraestrutura de mala calidade e peor mantida.

Desde o BNG, entendemos que suba da factura eléctrica é un atentado ao benestar da meirande parte da sociedade. A marxe de beneficios das empresas xeradoras de enerxía eléctrica dispárase ao utilizar o sistema marxinalista no que pagamos toda a enerxía ao prezo da central máis cara aínda que esa sexa unha mínima parte da que consumimos. A marxe de beneficios das empresas, anteriormente citada, nunca debe ir en detrimento do benestar das persoas, é por iso que rexeitamos estas practicas por consideralas abusivas.

MOCIÓN RECLAMANDO A BAIXADA O IVE DA ELECTRICIDADE
Por outra parte, a organización nacionalista tamén rexistrou unha moción no concello, para exixir do goberno español a a baixada do IVE na factura eléctrica do 21% ao 4%, o que reduciría notabelmente o custe da electricidade, que é un ben de primeira necesidade. Ademais, o BNG tamén pide eliminar os suplementos territoriais da tarifa eléctrica, que ten un peso importante no custe da electricidade, especialmente no noso país, onde pagamos a electricidade máis cara do Estado, a pesar de ser produtores desta enerxía.

A organización nacionalista tamén pide a través desta moción garantir a subministración eléctrica a toda a poboación, establecendo medidas para que non se lle poida cortar a luz a ningunha persoa sen recursos, así como a creación dunha empresa pública galega que integre os encoros que remataron o período de concesión.