BNG da Estrada fai campaña para baixar ao 10% o IVE dos salóns de peiteado e barberías


Susana Camba e Víctor Pousada

BNG da Estrada está explicando entre os salóns de peiteado e barberías a súa proposta de baixar do 21% ao 10% IVE que pagan este tipo de estabelecementos. Segundo explicou a concelleira do BNG, Susana Camba, “este iniciativa foi unha das máis de 200 emendas que presentou a nosa organización aos orzamentos do Estado de 2021 e que lamentabelmente foi rexeitada polos votos de PSOE e Podemos”.

“A pesar de todo”, engade “seguimos insistindo nesta iniciativa a través dunha proposición non de lei rexistrada no Congreso, porque entendemos que as perruqueiras e perruqueiros cumpren unha importante función social, pois, ademais da estética, encárganse de atender as necesidades de moitas persoas dependentes ou de avanzada idade para as que o lavado de cabelo e peitado non é unha cuestión de vaidade, senón de hixiene persoal”.

“Temos que recordar que o sector paga neste momento as consecuencias dunha decisión
inxusta”, afirma Susana Camba, “no 2012, en plena crise económica, o Goberno do PP aprobou unha suba do IVE para algunhas actividades de 8 a 21%, de modo que os salóns de peiteado e estética tiveron que facer fronte a un incremento de 13 puntos dun día para outro.”

“Debido precisamente á baixada do consumo naquel momento de inestabilidade económica o sector decidiu manter os prezos estábeis, isto é, non trasladaron a suba á clientela, pois tal e como prometera daquela o Goberno de Rajoy, a suba do IVE neste sector ía ser temporal. Porén, outras actividades viron cumprido o compromiso e xa teñen de novo o IVE en 10%, mais os salóns de peiteado, barberías e estéticas continúan a padecer o tipo máis alto do imposto”, indica a concelleira nacionalista.

“No BNG cremos que é de xustiza baixar o IVE aos salóns de peiteado e barberías, e así o estamos explicando aos estabelecementos que visitamos dando a coñecer a iniciativa do BNG”, afirma, “a baixada sería de axuda directa ao sector e permitiría manter abertos moitos negocios e os empregos que, doutro xeito, van verse na obriga de fechar”.