BNG insta ao goberno municipal a retirar da vía pública os coches abandonados


Susana Camba: “O goberno municipal do PP non pode mirar para outro lado e deixar que eses coches formen parte da paisaxe”

A concelleira do BNG, Susana Camba, levará ao vindeiro pleno do mes de marzo unha petición ao goberno municipal do PP para que se retiren os coches abandonados situados nas rúas da vila e no rural do noso concello.

A concelleira nacionalista afirma que “no BNG temos localizado cando menos catro vehículos que están aparcados nas beiravías da N-640 en Matalobos e Guimarei, e tamén no centro da vila”. “Entendemos que o goberno municipal tiña que ser máis dilixente e retiralos”, explica, “porque aínda que estean parados e algúns xa nin rodas teñen, temos que lembrar que hai uns catro ou cinco anos una muller de Guimarei morreu atropelada por un destes vehículos ao que, o deterioro sufrido ao longo de anos, fixo que se lle soltaran os freos”.

Susana Camba explica que “o goberno municipal do PP non pode mirar para outro lado e deixar que eses coches formen parte da paisaxe, xa que algúns deses coches levan anos, moitos anos aparcados ante a pasividade do goberno”. “Son un evidente perigo e compre retiralos, e ademais en algún caso ocupan prazas públicas de aparcamento”, engade a concelleira nacionalista.

“Por outra parte”, engade a concelleira do BNG, “os coches abandonados é outro exemplo da política medioambiental do PP e de como ten en estado de abandono as rúas da vila e o rural do concello; para o PP só existen un par de rúas, sobre as que actúa unha e outra vez, o resto está completamente abandonado como xa denunciamos en máis dunha ocasión”.