BNG propón a posta en marcha de plantas de biomasa para a xeración de calefacción urbana con cargo aos fondos EDUSI


Permitiría reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro, reduciría a pobreza enerxética que afecta a 1 de cada 7 fogares e permitiría unha explotación produtiva e diversa dos nosos montes

Unha Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentábel e Integrado (EDUSI) fai referencia a un plan de desenvolvemento que supoña unha mellora a longo prazo das condicións sociais, económicas e ambientais dunha zona. En definitiva, unha estratexia integrada que combata a un tempo a pobreza, a desigualdade e o cambio climático. De feito, a loita contra a mudanza climática debe ser unha prioridade no deseño destas xa que esta trae consigo máis pobreza e desigualdade da que xa padecemos actualmente.

Para tentar paliar os efectos máis duros do cambio climático cómpre, no mínimo, respectar os obxectivos convidos no Acordo de París e reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) de xeito substancial. Un dos principais sectores en emisión de GEI é o relativo á produción de enerxía e calor, que representan arredor do 25% das emisións totais dos gases de efecto invernadoiro emitidos. É por iso que cambios nas técnicas ou no modelo desta produción poden levar a unha redución considerable das emisións de GEI, ao incidir nunha das grandes áreas de emisión.

O sistema de rede de distribución de calor, ou Calefaccion urbana, consistente na xeración de enerxía térmica de xeito centralizado, en vez de mediante múltiples puntos de xeración individuais, é un sistema que parece cada vez máis atractivo para conseguir unha meirande eficiencia enerxética. Este sistema non é en absoluto novidoso, posto que o seu uso está probado dende hai máis dun século, nin tampouco específico dun lugar, xa que existen numerosos exemplos ao longo de países tan diversos como os Estados Unidos, Rusia, China, Alemaña, Francia, Dinamarca ou Suecia, entre outros.

Diversos estudos que analizan moitos dos sistemas de Calefaccion urbana instalados ao longo do mundo sinalan que este sistema de xeración distribución do calor, co aumento da eficiencia enerxética obtida, reduce as emisións de GEI, os custos de mantemento e o prezo da enerxía, supoñendo tamén un aforro para os usuarios. Deste xeito non só estariamos ante un sistema que contribúa a paliar o cambio climático senón tamén a pobreza enerxética que golpea en Galiza a 1 de cada 7 fogares.

Ademais, os sistemas modernos de produción de calor que se empregan no Calefaccion urbana, teñen como principal base de produción a biomasa forestal e existen incluso sistemas capaces de combinar esta con enerxía eólica. Deste xeito, e deixando o combustíbel convencional soamente para ocasións en que hai puntas de demanda, non só se consigue unha xeración de calor baseada nun recurso sustentábel senón que ademais o vento e a biomasa forestal son dous recursos nos que A Estrada é unha potencia, e pode dar un novo pulo a este sector. Desta forma o noso concello pode explotar de xeito máis produtivo e diverso os seus montes, abrir vías para novas empresas que transformen e xestionen a biomasa e mesmo os residuos madeireiros derivados da nosa industria do móbel para a creación de combustíbel, reducindo os desperdicios e incentivando así a nosa economía local.

A pesar de que este sistema non é novo no mundo si que é certo que a súa implantación no Estado español é case anecdótica, sobre todo comparada con outros países da nosa contorna. Porén, isto parece que está comezando a cambiar, e numerosos proxectos de Calefaccion urbana estanse a poñer en funcionamento en diferentes lugares, tanto urbanos (coma no barrio de Txomin, en Donosti) como rurais (en Erroitegi, Portell de Morella e Todolella, xa en funcionamento, ou en Mual, en Cangas de Narcea, proxectado para este ano polo Comisionado para o Reto Demográfico). A implantación deste sistema está reportando reducións na factura dos veciños de entre un 15% e un 40% e unha redución na emisión GEI que pode chegar até o 80%. Mesmo hai concellos que empregan este sistema para a xeración da electricidade necesaria para o alumeado público e para un punto de recarga de vehículos.

A incorporación deste sistema en diversos puntos do noso concello podería ser unha estratexia de desenvolvemento sustentábel con múltiples beneficios e que se enmarca dentro dunha grande cantidade de obxectivos temáticos dunha estratexia EDUSI (OT1, OT3, OT4, OT5, OT6 e OT9).

Por todo isto, desde o BNG presentamos unha moción cos seguintes puntos de resolución:

  • Levar a cabo un estudo sobre a viabilidade dun proxecto de calefaccion urbana en diversos lugares do concello, tanto no casco urbano como en diversas parroquias.
  • No caso dun informe favorable acometer as medidas necesarias para a posta en marcha deste proxecto e estudar a posibilidade de xeración eléctrica complementaria
  • Colaborar con diversas sofores para a ordenación de montes necesarios para a produción sustentábel da biomasa necesaria.
  • Crear unha planta local de xestión da biomasa que trate a biomasa local e colabore con empresas que empreguen madeira como materia prima para a utilización valorizadora dos residuos.