Susana Camba insta o goberno municipal a presentar alegacións contra o parque eólico de Liripio e Castro Valente


“Unha cousa é estar a favor das enerxías limpas e outra converter o monte galego nun parque eólico xigante”, afirma a concelleira do BNG

A concelleira do BNG, Susana Camba, explicou que “no BNG vemos con preocupación a nova política de parques eólicos impulsados pola Xunta e o Goberno central, que están inzando de muíños de vento os nosos montes”. “No día de onte coñeciamos que está en marcha o proxecto de parque eólico nos montes de Liripio”, engade, “e tamén no monte de Castro Valente entre Barcala e Herbón”.

“Isto non é de recibo”, afirma a concelleira nacionalista, “a este paso non haberá monte no noso concello sen muíños de vento e iso o goberno municipal non o pode permitir, e instaremos no vindeiro pleno a que o concello presente alegacións contra estes parques eólicos que se proxectan no noso concello”.

“Unha cousa é estar a favor das enerxías limpas e outras converter o monte galego nun parque eólico xigante”, explica, “que por enriba encherá o peto dunhas poucas empresas e sen que iso teña un retorno económico para os veciños e veciñas”.