A Fundación Cultural aproba por unanimidade a iniciativa do BNG de converter A Estrada Dixital en operador virtual de telecomunicacións


BNG da Estrada presentou en setembro de 2020 unha iniciativa para converter A Estrada Dixital en operador virtual de telecomunicacións para poder comercializar fibra e telefonía móbil. A iniciativa, que xa se analizara o pasado mes de novembro, aprobouse hoxe por unanimidade do padroado da Fundación Cultural A Estrada.

Segundo explicou a representante nacionalista no padroado, Clara Iglesias, “a proposta foi ben acollida no seu momento, mais ficara enriba da mesa para que a xerencia de A Estrada Dixital analizara a situación para, de ser o caso, aprobala nunha das reunións do padroado; ese momento chegou”.

“Desde o BNG viamos con preocupación a situación de A Estrada Dixital, xa que estaba nunha situación delicada, dado os cambios habidos nos últimos anos no sector das telecomunicacións, mais había que dar pasos e avanzar e non ficar no inmobilismo dos últimos anos”, indicou Clara Iglesias. “Entendemos que este paso non será doado, xa que hai moita competencia no sector”, engade, “mais era un paso necesario se queriamos manter o proxecto, que naceu en 2004 e que proporcionou e proporciona acceso a internet a través de wifi a moitos veciños e veciñas”.

“Con todo”, engade Clara Iglesias, “unha das fortalezas que ten A Estrada Dixital é ser unha entidade pública, sobradamente coñecida polos veciños e veciñas, que agora ofrecerá fibra e telefonía móbil a prezos asequibeis”.

Por outra parte a representante do BNG no padroado da Fundación Cultural amosouse crítica co documento presentado. “Agardabamos algo máis elaborado, unha proposta económica con análises de custes e prezos, mais o único que temos son apenas unha folla coa proposta e pouco máis.” “En todo caso,” engade, “votaremos a favor, porque, como dixen antes, hai que dar pasos cara adiante, porque ficar paradas é desaparecer”.